A reforma da parte central de Barcelos, supeditada á apertura da entrada a Santa Clara

Pontevedra
14 de maio 2024

Esta fase, segundo explicou o edil César Mosquera, "está pendente" do proxecto definitivo para a rehabilitación do antigo convento. A idea que se baralla pasa por rebaixar a cota na zona máis próxima ao muro, para "descargar o empuxe do terreo" contra este peche

Praza de Barcelos Mónica Patxot

Coa reforma dos viais perimetrais de Barcelos pendente dos "últimos flocos", o goberno municipal traballa xa na segunda fase desta actuación, que estará centrada na zona central da praza e na área máis próxima ao muro do convento de Santa Clara.

Esta fase, segundo explicou o edil César Mosquera, "está pendente" do proxecto definitivo para a rehabilitación do antigo convento. A idea que se baralla pasa por rebaixar a cota na zona máis próxima ao muro, para "descargar o empuxe do terreo" contra este peche.

"O que propoña a Deputación farase", sostivo Mosquera, que confía en que sexa unha "proposta sensata". O obxectivo, engadiu, "non é que quede unha vexetación ou outra senón que Santa Clara teña unha entrada digna" desde a praza.

O goberno municipal ofrecerá toda a súa colaboración para abordar esta reforma e está disposto mesmo a cofinanciala para que se faga de maneira paralela á actuación pendente en Barcelos "para non ter que ir facéndoa a cachos".

Con respecto ás obras actuais, Mosquera estima que concluirán en "tres semanas", tras resolver unha serie de "incidencias" como o atraso na pavimentación pola choiva ou os problemas cunha conexión de gas, entre outras cuestións.