A redución do canon de Sogama deste ano suporá un aforro para os galegos de máis de 11 millóns

Pontevedra
28 de xaneiro 2022

Á bonificación do 10% que se vén aplicando desde o ano 2019 aos municipios que cumpran os requisitos fixados en canto a produción de residuos e reciclaxe, súmase en 2022 a rebaixa dun 5% para todos os concellos adscritos á empresa pública

Encontro do presidente de Sogama, Javier Domínguez, co alcalde de Boqueixón Xunta de Galicia

Sogama rebaixará este ano o canon que aplica aos concellos adscritos ao seu sistema ata nun 21%, unha medida que se traducirá nun importante aforro para os galegos, cuantificado en máis de 11 millóns de euros.

Así o confirmou este venres o presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen mantivo unha reunión co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, un dos municipios que se beneficiaron o ano pasado da bonificación do canon ao conseguir certificar a consecución dos obxectivos fixados en materia de produción e reciclaxe de residuos.

En concreto, Sogama rebaixará este ano o canon aos 295 concellos adscritos ao seu sistema nun 5%, o que suporá pasar dos 69,48 €/tonelada de 2021 aos 66,00 €/tonelada do presente exercicio.

Así mesmo, tamén manterá a bonificación do 10% aplicada desde hai xa tres exercicios a aqueles entes locais que, téndoa solicitado, acrediten o cumprimento dos requisitos esixidos, isto é, promover a menor produción de residuos e/ou a reciclaxe dos envases lixeiros depositados no contedor amarelo, e trasladar a rebaixa aos recibos dos cidadáns. Neste caso, o canon situarase en 59,40 €/tonelada.

Tendo en conta estas dúas deducións e que, adicionalmente, Sogama non aplicará o IPC correspondente a 2022 —6,5%—, a rebaixa total podería chegar ao 21%, o que se traducirá nun importante aforro para os galegos.

Así se recolle na resolución publicada no DOG sobre o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos e a bonificación deste ano.

BALANCE AXUDAS 2021

Un total de 165 concellos solicitaron en 2021 a bonificación do 10% do canon, dispoñendo de prazo ata o próximo 1 de marzo para certificar a aplicación das medidas referenciadas. En termos xerais, esta rebaixa, aplicada durante tres anos consecutivos, supuxo ata o de agora un aforro para os galegos de máis de 9 millóns de euros.

O obxectivo da Xunta con esta bonificación e a redución adicional fixada para este ano é, máis alá de contribuír a aliviar a presión sobre a economía das familias, golpeadas pola crise da covid e o aumento do prezo de distintos servizos como a electricidade, compensar o negativo impacto que terán os impostos impulsados polo Goberno central e que gravarán o uso do vertedoiro e a propia valorización enerxética.

A decisión estatal contrasta, ademais, co feito de que esta última se contempla na normativa vixente como a mellor opción de tratamento para aqueles residuos que non se poden reciclar, permitindo diminuír ao máximo o depósito en vertedoiro, que sería o menos desexable debido aos seus perniciosos efectos sobre a contorna e a saúde pública.

Cunha porcentaxe media de vertido en España estancada no 54%, o Goberno central decidiu gravar tamén a valorización enerxética, mesmo en plantas de alta eficiencia como a de Sogama, cando nos países do norte de Europa —os máis avanzados e comprometidos co medio ambiente—, os altos índices de reciclaxe e de recuperación enerxética da parte non reciclable posibilitan que as taxas de vertido se sitúen entre o 1 e o 4%.

INVESTIMENTOS ORIENTADOS Á SUSTENTABILIDADE

A Xunta avanza na súa estratexia de economía circular, realizando importantes investimentos cos que prevé incrementar de forma substancial as taxas de reciclaxe. A tal fin e no marco das directrices europeas, canalizará a través de Sogama a execución dunha rede de infraestruturas para a xestión e o tratamento da materia orgánica, axudando aos concellos, que teñen a competencia en residuos, a implantar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada da fracción orgánica a través do quinto contedor.

Esta rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos en Cerceda, na Coruña —xa en funcionamento—; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense —cuxas obras acaban de ser adxudicadas nos tres casos—. Á súa vez, estas instalacións contarán co apoio de 13 plantas de transferencia, que se dotarán dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica, facilitando o seu transporte. A previsión é que esta rede, á que se destinará un investimento de 38,6 millóns de euros, entre en funcionamento a finais do ano en curso.

Neste sentido, cómpre lembrar que, no período 2017-2022, Sogama investiu 90 millóns de euros para optimizar o servizo que presta a máis de 2,2 millóns de galegos. Así, destacan a ampliación do complexo de Cerceda, coa construción dunha planta de recuperación de materiais reciclables contidos no lixo en masa; a incorporación das últimas tecnoloxías para obter a máxima eficiencia; a promoción do ferrocarril, un transporte sostible para os residuos; o selado do 90% do vertedoiro de Areosa; e a adopción de cantas medidas resulten necesarias para levar a cabo unha actividade respectuosa co medio ambiente.