A rede de trapicheo de drogas desarticulada en Pontevedra durante a pandemia, condenada

Pontevedra
30 de abril 2024

Cinco persoas recoñeceron que se dedicaban á venda de drogas e mostráronse conformes con condenas que van desde o ano e medio aos catro anos e medio de prisión. Foron detidos o 15 de decembro de 2020 e realizáronse rexistros nas casas de todos eles en Salcedo, o Paseo de Colón e Monte Porreiro e nun mesón en Peregrina

Rexistro do operativo antidroga nunha casa de Salcedo

A rede dedicada ao trapicheo de drogas desarticulada pola Garda Civil e a Policía Local de Pontevedra en plena pandemia, en decembro de 2020, terminou en condena. Cinco persoas recoñeceron que se dedicaban á venda de drogas e mostráronse conformes con condenas que van desde o ano e medio aos catro anos e medio de prisión. 

Os cinco foron arrestados, xunto a outras dúas persoas, na bautizada como operación Guarloc, na que o 15 de decembro de 2020 realizáronse rexistros nas casas de todos eles en Salcedo -tanto nun chalé como nunha construción anexa-, o Paseo de Colón e Monte Porreiro e nun mesón na rúa Peregrina. 

Os cinco acusados evitaron chegar a xuízo cun acordo selado coa Fiscalía o propio día da vista oral e, como resultado do acordo de conformidade, a sección cuarta da Audiencia de Pontevedra ditou unha sentenza condenatoria que inclúe o pago de multas que van entre os 261,1 e os 2.724,76 euros

Con esa conformidade, o fiscal tamén se mostra partidario de suspender a execución da pena de prisión de catro deles, de tal forma que tan só un irá ao cárcere. Os outros,, aínda que son condenados por un delito de tráfico de drogas, poden evitar entrar en prisión a condición de que non delincan durante tres anos e non consuman drogas.

No momento no que trapicheaban, eran adictos a substancias estupefacientes e, no momento de xulgar os feitos, todos acreditaron con informe médico que xa non consomen drogas. Para demostrar que seguen así, deberán realizar un control trimestral na Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). En caso de incumprilo, si entrarán en prisión. 

Os cinco acusados mostráronse conformes coa acusación da Fiscalía. Un, o que logo foi condenado á pena maior, catro anos e medio, tiña antecedentes previos por tráfico de drogas pero non os outros catro. Todos, de forma conxunta, dedicáronse a vender droga polo menos entre xuño de 2019 e novembro de 2020 en distintos puntos da cidade

A sentenza detalla moitas desas vendas de drogas, realizadas nun bar da rúa Monteleón, nas inmediacións dos domicilio de varios dos acusados, no quiosco da praza de Galicia, nun bar de Alfonso  X El Sabio, no bar da Peregrina que foi rexistrado,  nun garaxe de Corbaceiras ou en rúas como García Camba, Corbaceiras ou Iglesias Vilarelle.

Nos rexistros realizados, os axentes da Policía Local e a Garda Civil atoparon drogas que, tal e como eles recoñeceron co seu acordo co fiscal, estaban "destinadas á venda", fundamentalmente cánnabis e cocaína, así como diversas sumas de diñeiro que eran "froito dese ilícito negocio que desenvolvían entre eles".