Un éxito rotundo. Así foi a recollida solidaria de alimentos que organizaron os hostaleiros de Pontevedra, afectados polo peche decretado na súa actividade pola alta incidencia da covid-19 na cidade.
A falta do reconto final, desde a organización destacan que se superou con fartura a tonelada de alimentos recollidos grazas á colaboración de todos os pontevedreses.
Toda esta comida, que durante a xornada do sábado foi depositada en dous establecementos do centro histórico, La Quesera e La Estafeta, foi doada ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro, que xestiona a asociación de veciños O Mirador.
Xunto coa achega dos propios hostaleiros, que entregaron gran parte dos alimentos que non puideron despachar polo peche, e a colaboración de numerosos cidadáns a título particular, a organización do evento quixo destacar dous xestos.
Por unha banda, os preto de 400 quilos de produtos frescos que doaron os vendedores da praza de abastos de Pontevedra, entre eles, peixe, carne, embutidos, verduras e froita.
Ademais, a comparsa Os Solfamidas de Campo Lameiro e o equipo de fútbol de veteranos de Verducido participaron nesta recollida, achegando unha furgoneta chea de alimentos para ser repartidos entre os veciños máis necesitados de Monte Porreiro.