A recollida porta a porta de residuos orgánicos aos grandes produtores de Sanxenxo está a ter un 0% de impropios

Sanxenxo
04 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Sanxenxo recolle 11.180 quilos de residuos orgánicos no primeiro trimestre do ano

Planta de transferencia de Sogama, en Ribadumia Xunta de Galicia

No primeiro trimestre do ano Sanxenxo recolleu 11.180 quilos de residuos orgánicos. 

A implantación do servizo porta a porta a finais do ano pasado para os grandes xeradores está a resultar un éxito alcanzando a cifra de 0% de impropios, unha vez testados na planta de Sogama no polígono de Baión en Vilanova de Arousa. 

A concesionaria do servizo encárgase de repartir os contedores marróns entre os locais abertos que logo recolle cheos, dependendo do ritmo de actividade, unha ou tres veces por semana.

O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, destaca "o bo comportamento" da hostalería e a colaboración no tratamento destes residuos. O contedor marrón tamén está operativo nalgunhas illas de Sanxenxo e Portonovo para particulares que tamén dispoñen de composteiros individuais e colectivos. Máis ou menos o 40% dos residuos xerados diariamente polos fogares son residuos orgánicos ou biorresiduos. Por este motivo é importante concienciarse sobre a necesidade de separar correctamente os residuos orgánicos e avanzar cara a unha economía circular.

En canto ao resto de residuos, do resto recolléronse 1.926.540 quilos, de envases 73.060 quilos; de papel 103.580 quilos; 82.700 de vidro e 57.790 quilos de voluminosos. 

Cabe lembrar que o Concello en colaboración con Ecovidrio realizaron unha campaña porta a porta aos establecementos de hostalería para lembrarlles a obrigatoriedade de separar estes envases, en liña co cumprimento da ordenanza municipal. A hostalería xera, aproximadamente, o 50% dos envases de vidro dun só uso polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva de envases de vidro e a consecución de obxectivos de reciclaxe.

O Concello de Sanxenxo atópase xa traballando nos pregos da nova concesión do lixo co obxectivo de modernizar o servizo como xa se fixo o ano pasado co ciclo da auga.