A recadación do parking do porto deportivo cae un 40% en setembro sobre 2019

Sanxenxo
09 de outubro 2020

Segundo o balance publicado por Nauta, o aparcamento pechou setembro coa estancia de 12.245 vehículos e unha facturación de 39.567 euros, un 40% menos que o mesmo mes de 2019, que alcanzara os 65.626 euros en total

Aparcamento do porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo Mónica Patxot

Os datos de afluencia que, durante o mes de setembro, rexistrou o aparcamento soterrado do porto deportivo de Sanxenxo reflicten o efecto que a pandemia da covid-19 tivo sobre o municipio.

Segundo o balance publicado por Nauta, o aparcamento pechou setembro coa estancia de 12.245 vehículos e unha facturación de 39.567 euros, un 40% menos que o mesmo mes de 2019, que alcanzara os 65.626 euros en total.

Os días con maiores ingresos coinciden coas fins de semana das festas patronais, os días 5 e 6 de setembro, con case 5.000 euros.

En canto á facturación por quincenas, durante a primeira emitíronse 7.922 tickets e ingresáronse 29.365 euros e na segunda expedíronse 3.699 e facturáronse 10.202 euros.

A maioría dos vehículos elixiron a zona interior do estacionamento, 11.621, fronte os 624 que optaron polo exterior, na Praza do Mar.

A estancia media, con todo, incrementouse ata as dúas horas e media, unha hora máis que en setembro de 2019.

En todo caso, desde o Concello de Sanxenxo explican que un factor para ter en conta neste índice é a dotación de 535 novas prazas de aparcamento disuasorio no centro da vila desde mediados de xullo que o goberno local puxo en marcha de forma totalmente gratuíta.