A realidade das persoas transexuais centra as xornadas pola diversidade afectivo sexual de Bueu

Bueu
15 de xuño 2021

Desde a organización destacan que as persoas transexuais "están sendo moi atacadas por diversas frontes, tamén a raíz da Lei Trans" e decidiron centrar na súa realidade a nova edición desta iniciativa. O 26 de xuño as xornadas abrirán ás 12.00 horas na céntrica Praza Massó coa presentación do libro Identidade, de Nee Barros

Xornadas pola diversidade afectivo sexual de Bueu Concello de Bueu

A realidade das persoas transexuais centrará a finais deste mes de xuño a cuarta edición das xornadas pola diversidade afectivo sexual que organiza o Concello de Bueu os días 26 e 28 de xuño e o 2 de xullo.

Desde a organización destacan que as persoas transexuais "están sendo moi atacadas por diversas frontes, tamén a raíz da Lei Trans" e decidiron centrar na súa realidade a nova edición desta iniciativa.

O 26 de xuño as xornadas abrirán ás 12.00 horas na céntrica Praza Massó coa presentación do libro Identidade, de Nee Barros (Editorial Galaxia) e a iniciativa 'A roupa non ten xénero', que xermolou dende o IES Johán Carballeira.

O libro de Nee Barros concíbese coma unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade, e xira arredor da pregunta "e se nacemos nun molde equivocado?". 

As persoas asistentes poderán reflexionar sobre conceptos como a identidade e a realidade sexual, ou a liberdade de expresión das persoas. 

Os concelleiros de Mocidade e Infancia e Promoción Económica e Turismo, Agustín Gallego e Silvia Carballo, presentaron este martes as xornadas e fixeron especial fincapé no papel que deben cumprir as administracións na loita polos dereitos das persoas do colectivo LGBTIQ+ e na visibilización da diversidade. 

O luns día 28, Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o recoñecido youtuber boirense Olaxonmario lerá o manifesto conmemorativo desta data na Praza Massó. Ás 21.30 horas proxectarase o filme Call Me By Your Name de Luca Guadagnino no Centro Social do Mar, con entrada de balde ata completar capacidade. 

O 2 de xullo, a Praza Massó acollerá a actuación 'A Drag Pandeireteira' a cargo de Meiga-i, despois da que terá lugar un faladoiro arredor do mundo drag e da súa experiencia persoal. É un espectáculo que mestura a tradición coa reivindicación, e na que atoparemos espíritos de cantareiras galegas que posuirán á Meiga-i.