A reactivación de pequenos focos e a presenza de amianto dificultan a investigación e extinción do lume de Pontesa

Pontevedra
08 de novembro 2022
Actualizado: 16:38

Axentes da Policía Científica puideron entrar ao interior da nave, pero durante moi pouco tempo, pois unha inspectora de traballo limita o tempo que poden estar dentro para reducir a exposición aos efectos do amianto. Un dron sobrevoou as instalacións. Todas as hipóteses seguen abertas. Continúa moi grave o traballador ferido

Axentes da Policía Científica, no recinto de Pontesa PontevedraViva

A investigación policial da orixe do incendio nas instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontesa encarou este martes unha nova fase coa inspección da zona por parte dos axentes da brigada de Policía Científica da Policía Nacional e o uso dun dron que sobrevoou a nave

As tarefas comezaron a partir das 9.00 horas, pero estanse a ver dificultadas pola reactivación continúa de novos focos de lume no interior do recinto e tamén pola presenza de amianto nas instalacións. 

Desta maneira, segundo confirman fontes policiais, durante a mañá deste martes, axentes da Policía Científica puideron entrar ao interior da nave, pero durante moi pouco tempo, pois unha inspectora de traballo que vela pola seguridade dos traballadores limita o tempo que poden estar dentro para reducir a exposición aos efectos do amianto. 

Desde o Concello de Pontevedra indicaron este martes que, unha vez rematada a situación de emerxencia, o servizo de extinción de incendios segue controlando o incendio e visitando as instalacións. Durante a noite acudiron varias veces e tamén durante a mañá deste martes, desprazándose cando chama o 112 por algún conato de incendio ou de oficio para arrefriar e enchoupar, e supervisar a zona.

Os bombeiros confirman que o incendio segue controlado, pero non extinguido. O traballo dos bombeiros tamén se ve dificultado polas limitacións que a inspectora de traballo pon á súa actuación para velar pola súa seguridade pola suspensión de partículas de amianto.

A concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, explica que a última hora da mañá a inspectora de traballo "impediu aos bombeiros poder entrar dentro da nave" para arrefriar o material "polo propio peligro" que pode supoñer para os traballadores. Lembra que a situación da nave é dun auténtico "polvorín" de toneladas de gran e de cereal en permanente combustión, que agora se complica porque ten a estrutura queimada, carece de cuberta nalgúns puntos e ten todo o material contaminado por amianto.

Diversas fontes consultadas indicaron que o incendio tardará días en poder sufocarse por completo.  

A investigación está en mans da Policía Científica e tamén da Policía Xudicial e conta co apoio das unidades aéreas, que son as que manexan o dron. Ademais, outras unidades policiais custodian de forma permanente as instalacións.

Este vehículo non tripulado sobrevoou tanto as naves como o resto do recinto situado ao pe do río Verdugo e a ría de Vigo en varias ocasións, pero os seus voos tamén se viron condicionados por atoparse na zona de protección do aeroporto de Vigo

Fontes policiais confirmaron que, de momento, manteñen abertas todas as hipóteses sobre a orixe do lume. O teito da nave está moi afectado, de maneira que unha das posibles causas que se manexa é un problema eléctrico na zona do teito, pero tamén pode ter que ver coa autocombustión do material alí almacenado. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, sinalou este martes, a preguntas dos medios de comunicación, que non fará valoracións sobre as causas "ata que non teñamos as conclusións da investigación".

TRABALLADOR MOI GRAVE

Nestes momentos, "preocupa, por encima de todo, a situación de Benito", en alusión a Benito González Dopazo, o traballador ferido grave no incendio, concelleiro do PSOE no Concello de Marín.

"Desexo que se recupere da gravísima situación", sinalou Larriba, que enviou todo o seu apoio á súa familia e amosou a súa solidariedade coa familia socialista de Marín.

Este traballador mantense ingresado na unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), con queimaduras no 85% do seu corpo e nunha situación moi delicada

Arquivado en