A provincia retomará o próximo curso o Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos

Pontevedra
01 de xuño 2021

A Subdelegación do Goberno acolleu este martes unha reunión da comisión provincial na que se planificou a posta en marcha do Plan de cara ao próximo curso

Comisión provincial do o Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos Mónica Patxot

A provincia de Pontevedra retomará o próximo curso o Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas. Así o anunciou este martes a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, despois dunha xuntanza da comisión provincial responsable deste plan.

É unha iniciativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional o Ministerio do Interior e o Ministerio de Sanidade que ten como obxectivo poñer a disposición dos centros educativos diferentes conferencias e actividades educativas impartidas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e encamiñadas, entre outros, a previr o acoso escolar, o consumo de drogas e alcol, condutas incívicas, violentas e vandálicas, o racismo, a xenofobia e a intolerancia, a violencia sobre a muller, a discriminación por razón de sexo ou orientación sexual, así como a concienciar sobre os riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais.

A subdelegada lamentou que durante este curso 2020-2021 "non se puideran levar a cabo estas actividades por mor das restricións derivadas da actual crise sanitaria" e manifestou a súa satisfacción "pola reactivación do plan a partires do curso que vén, xa que a concienciación e a prevención son fundamentais para evitar condutas intolerantes ou violentas". 

Neste sentido, a subdelegada informou de que a día de hoxe, 9 vítimas dos 1.152 casos activos de violencia de xénero da provincia son menores. "Unha cifra que só se pode reducir mediante unha aposta inamovible por parte de todos e todas pola educación e a prevención", afirmou Larriba, ao tempo que advertiu tamén "sobre un preocupante fenómeno que se vén dando desde hai uns anos entre a mocidade, a violencia de xénero nas novas tecnoloxías e que este tipo de actividades contribúe a combater".

FORMACIÓN PARA A PREVENCIÓN DOS CIBERDELITOS 

Por último, a subdelegada solicitou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado trasladar os riscos de seguridade asociados ao uso de novas tecnoloxías e Internet a outros colectivos. 

A este respecto, Larriba recordou que nos primeiros cinco meses do ano, as estafas a través de tarxetas de crédito creceron na provincia nun 114 % con respecto ao mesmo período do ano pasado. "Estamos a observar unha tendencia moi clara e e preocupante do aumento de ciberdelitos na provincia, que debemos combater a través da prevención e da formación", explicou a subdelegada, que propuxo ofertar este tipo de obradoiros e charlas á veciñanza da provincia a través da colaboración con asociacións culturais, de veciños e outras organizacións sociais.