A provincia promociona en Fitur o té de camelia e a Ruta de Taverneiro

Pontevedra
25 de xaneiro 2024

A Deputación de Pontevedra compartiu este xoves unha degustación de té de camelia no stand que Turismo de Galicia ten instalado na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid

Mostrador de Sanxenxo en Fitur PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra compartiu este xoves unha degustación de té de camelia no stand que Turismo de Galicia ten instalado na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid. 

Ao acto asistiron o presidente Luis López e deputados do goberno provincial, así como representantes do sector turístico e público xeral que ademais de probar esta infusión "100 % Rías Baixas" recibiron explicacións dos beneficios e sobre a súa elaboración.

A Deputación ten a súa propia marca ‘Té Areeiro’, un produto ecolóxico co que busca converterse nunha referencia na produción dun té de calidade elaborado na provincia e con produtos ecolóxicos e de proximidade a partir de brotes e follas da variedade de camelia sinensis, que se cultiva nos xardíns da estación fitopatolóxica do Areeiro, na parroquia pontevedresa de Lourizán. Unha iniciativa que supón ademais un paso adiante cara a diversificación e promoción do rural da provincia.

RUTA DE TAVERNEIRO

Na xornada de tarde na Feira Internacional de Turismo de Madrid presentouse a Ruta de Ignacio Taverneiro, un camiño evoca as peripecias deste peregrino no século XVIII, que parte desde Braga e percorre os concellos de Salvaterra, Ponteareas, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e A Estrada, na provincia de Pontevedra.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela foi o encargado de presentar este roteiro nunha intervención na que realzou o protagonismo do turismo interior e reivindicou o impulso que estas alternativas turísticas supoñen para a dinamización económica dos pobos e territorios.

TRAZAS DE PONTEVEDRA

Tamén foi obxecto de promoción o proxecto Trazas de Pontevedra, unha ruta por 17 xacementos arqueolóxicos que permite descubrir o patrimonio castrexo e romano repartido por toda a provincia que contribúe a reforzar a posición da provincia como "destino turístico de calidade, natural, sustentable, diverso e enraizado coas súas tradicións", segundo dixo Luis López.

Trazas é unha iniciativa impulsada hai case unha década por esta administración provincial e que agora reimpulsa para musealizar e dixitalizar eses 17 magníficos xacementos, potenciala co deseño de rutas novas e visibilizala a través de novos contidos divulgativos. Unha viaxe de 3.000 anos ao pasado para descubrir como era a vida neses poboados galaicos, cales eran os seus costumes e como deixaron unha pegada imborrable en
concellos hoxe turísticos como O Grove, A Guarda, Vilagarcía, Cangas, As Neves, Oia, Sanxenxo, Marín, Cotobade, Tui, Campo Lameiro, Silleda, Ponteareas, Cuntis, Ribadumia ou Valga.