A provincia pechou novembro con 430 parados menos, ata situarse en 55.466

Pontevedra
02 de decembro 2022

A baixada que supón un 0,77% con respecto ao mes anterior. Segundo os datos do Ministerio de Traballo, o 44% das persoas que deixaron de estar rexistradas como demandantes de emprego en Galicia foron desta provincia. Con todo, nunha comparativa por poboación, en Ourense o descenso foi maior, da 2,43% fronte ao 0,77 de Pontevedra

Traballador do sector da construción Mónica Patxot

Descenso do paro en Pontevedra en novembro. As persoas demandantes de traballo nas oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) baixaron en 430 na provincia, unha baixada que supón un 0,77% con respecto ao mes anterior.

Segundo os datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social, na provincia había ao peche de novembro 55.466 persoas demandantes de emprego

Pontevedra foi a provincia galega con maior descenso, pois o 44% das persoas que deixaron de estar rexistradas como demandantes de emprego en Galicia foron desta provincia. Con todo, nunha comparativa por poboación, en Ourense o descenso foi maior, da 2,43% fronte ao 0,77 de Pontevedra. En Lugo baixou un 1,17% e na Coruña o comportamento foi totalmente oposto, pois creceu o número de parados un 0,04%.

En Galicia, o número de demandantes de emprego baixou en 962 persoas con respecto a novembro de 2021. Mentres en Pontevedra hai 430 menos, en Ourense o descenso foi de 394 e en Lugo de 162. Na Coruña hai 24 persoas máis rexistradas no antigo Inem.

O descenso global galego con respecto a novembro de 2021 foi do 0,67% e había ao peche do mes 142.758 desempregados. Nos últimos doce meses o paro na comunidade descendeu en 9.989 persoas, un 6,54%.

DATOS ESTATAIS

A nivel estatal, o paro baixou en 33.512 persoas, ata situarse en 2.881.380, a cifra máis baixa nun mes de novembro desde 2007. Destaca a redución do desemprego feminino, que experimentou a segunda maior caída da serie histórica nun mes de novembro, e do xuvenil, coa menor cifra de rexistrados da serie histórica nun mes de novembro.

Os datos implican un descenso do 1,15%, a segunda maior baixada neste mes na última década, só superada pola do ano 2021 marcado pola pandemia.

O Goberno destaca que este descenso é especialmente significativo tendo en cuenta a conxuntura económica adversa no escenario internacional.

Por sectores económicos, o paro rexistrado descende con respecto a outubro nos Servizos en 25.083 persoas (-1,21%), en Agricultura en 4.507 persoas (-3,67%), en Industria en 3.783 (-1,59%) e na Construción en 1.924 persoas (-0,86%).

En canto ao número total de contratos rexistrados durante o mes de novembro, foi de 1.424.283. Deles, 615.236 contratos eran de carácter indefinido. Supoñen o 43,20% do total de contratos asinados.