A provincia dos máis de 5.000 composteiros

Pontevedra
05 de febreiro 2020

O Plan Revitaliza da Deputación Provincial de Pontevedra entregou xa máis de 5.000 composteiros individuais na provincia e a institución provincial avanza xa que este será o ano Revitaliza. Así o confirmou este mércores o deputado responsable do programa, Uxío Benítez, durante unha visita ao Concello de Barro 

Entrega de composteiros do Plan Revitaliza en Barro Deputación Provincial de Pontevedra

O Plan Revitaliza da Deputación Provincial de Pontevedra entregou xa máis de 5.000 composteiros individuais na provincia e a institución provincial avanza xa que este será o ano Revitaliza, que marcará un antes e un despois na aposta pola compostaxe. 

Así o confirmou este mércores o deputado responsable do programa, Uxío Benítez, durante unha visita ao Concello de Barro, onde se está a realizar unha entrega de composteiros entre a veciñanza ao abeiro do plan provincial. 

O deputado sinalou que estamos nun momento histórico no que a preocupación ambiental forma parte de toda a sociedade, con retos moi grandes a resolver e lembrou que a Unión Europea estableceu que a finais de 2020 se deberá reciclar o 50% dos residuos que se xeran e Galicia aínda está no 10%, e a Deputación de Pontevedra é a única administración que decidiu dun xeito valente afrontar ese reto.

Segundo a información facilitada pola Deputación, varios dos 'concellos Revitaliza' poderán chegar ao obxectivo da UE porque neste ano 2020 o plan provincial vaise consolidar, aumentando o número de centros de compostaxe comunitaria instalados e de composteiros individuais entregados e xestionados. Os concellos máis avanzados na aplicación do Plan van conseguir o obxectivo de ser dos primeiros de Europa en facelo. 

Benítez sinalou que esta visita a Barro busca simbolizar a importancia do ano que comeza no cumprimento de obxectivos, xa que a entrega de composteiros individuais deste concello fará sobrepasar a cifra dos 5.000 composteiros individuais do Revitaliza na provincia.

Na actualidade, os concellos máis adiantados no reparto e xestión de composteiros individuais (COIN) son os que recibiron as subvencións da 'Liña 2' da Deputación, case 1.200 no concello en Vilaboa, 1.100 en As Neves, preto de 900 en Mondariz, 600 en Pontevedra, máis de 300 en O Grove e 100 entre as familias de Mondariz Balneario. 

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, animou a toda a veciñanza a participar da compostaxe, subliñando que cada vez vaise implicando máis xente. Nestes momentos o Concello de Barro ten lista de agarda para recibir composteiros individuais. Este mércores entregáronse 14 facilitados pola Deputación, unha cifra coa que unicamente se pode cubrir a demanda das persoas que primeiro amosaron interese en compostar dentro do municipio.