A procesión marítima regresa ás Festas da Saleta de Raxó

Poio
30 de agosto 2022

Tras interromperse en 2020 por causa da pandemia, as Festas da Saleta de Raxó (Poio) recuperan a procesión marítima grazas á iniciativa da Comisión de Festas de Raxó e a Confraría San Gregorio de Raxó, que se encargarán de organizala

Procesión marítima das Festas da Saleta de Raxó (arquivo) Comisión de Festas de Raxó

As Festas da Saleta de Raxó (Poio) recuperan a procesión marítima grazas á iniciativa da Comisión de Festas de Raxó e a Confraría San Gregorio de Raxó, que se encargarán de organizala.

Desde a Comisión de Festas indican que, unha vez tramitada toda a documentación, seguro e permisos pertinentes ante as administracións competentes, xa recibiron os permisos para poder celebrar a cerimonia marítima. Así mesmo, informan de que todas as embarcacións que queiran participar deberán respectar a normas establecidas por Capitanía Marítima.

A procesión polo mar terá lugar o día 25 de setembro ao finalizar a misa que se celebrará ás 17:00h.

As Festas da Saleta interrompéronse en 2020 por causa da pandemia. O ano pasado celebráronse varias actividades en pequeno formato, dadas as restricións sanitarias vixentes. Este 2022 marca a "volta á normalidade" con o regreso da procesión marítima.

A Comisión de Festas aproveitou este anuncio para agradecer a colaboración da Confraría San Gregorio de Raxó, Protección Civil de Poio, Garda Civil, Naviera Mar de Ons, a Ruano e hijos e á Policía Local.

Tamén a Comisión de Festas de Raxó avanza que nos próximos días iniciarase o peditorio porta a porta por toda a parroquia. Neste sentido, agradecen de antemán a colaboración de todas as veciñas e veciños.