A princesiña que precisa axuda e a guerreira sexy con pouca armadura

Poio
30 de novembro 2023

Que modelos e estereotipos que transmiten os videoxogos máis populares? Este obradoiro está incluído dentro da campaña do 25N do Concello de Poio, centrada este ano no uso das novas tecnoloxías e no consumo do móbil nas idades máis novas

Obradoiro "Violencia nos videoxogos" Concello de Poio

Un dos estereotipos máis comúns dentro dos videoxogos é o da dama que precisa axuda. Os personaxes femininos nos xogos adoitan estar sexualizados con proporcións esaxeradas e pouco realistas, e moita menos armadura e roupa que os personaxes masculinos dentro do mesmo xogo. 

Circunstancias coma estas foron analizadas polo alumnado de 6º de primaria de todos os colexios de Poio no obradoiro "Violencia nos videoxogos", que se impartiu no Centro Cultural Xaime Illa dentro da campaña "A violencia machista vai contigo, que non te enr@den", organizada polo Concello de Poio para conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

Este ano, por vez primeira, inclúese ao alumnado de primaria nunha campaña que está principalmente destinada aos nenos, adolescentes e mocidade, para que interioricen a igualdade como un valor esencial.

Este obradoiro consistiu nunha charla teatralizada, na que unha psicóloga experta en xénero analizou, coa axuda do alumnado, os contidos dos videoxogos máis populares, debatendo sobre os valores, modelos e estereotipos ou roles de xénero que transmiten.

Segundo explica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, "a deste ano é unha campaña real, que visibiliza unha problemática que existe e que se detectou nos propios centros educativos e que, polo tanto, é importante atallar a través da educación, da concienciación e da reflexión crítica".

A campaña do Concello de Poio xa comezou no mes de outubro e se desenvolverá ata o 20 de decembro, e este ano convida a facer unha reflexión crítica sobre o uso das novas tecnoloxías, en especial, entre os máis novos, e lembrar que hai que poñer normas e límites para facer un bo uso delas e redobrar os esforzos en educar en igualdade para previr as violencias. De feito, alumnado do IES de Poio foi o protagonista do vídeo institucional que se proxectou e que contou, en primeira persoa, vivencias, experiencias e situacións ás que se enfrontan cada día.

Xa en decembro, os días 19 e 20, o instituto acollerá a exposición "Chicas Nuevas 24 horas", baseada no documental do mesmo nome da directora e documentalista Mabel Lozano, no que se denuncia o negocio que xera a explotación de mulleres e nenas así como a pornografía.