A primeira fase da reforma do mercado de Sanxenxo esperta o interese de cinco empresas

Sanxenxo
13 de xuño 2023

O Concello estudará as propostas para licitar unha obra que debe comezar no mes de setembro

Catas de terreo no mercado de abastos da rúa Madrid de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O Concello recibiu cinco ofertas para a execución da primeira fase do mercado de Sanxenxo que está previsto que dea comezo no próximo mes de setembro tras o verán.

As empresas que se presentaron son Construcións Castro Figueiro, Oreco Balgon, Prace Servizos e Obras, a UTE Citania-Vilor e a UTE Ogmios Proxecto – CRC Obras e Servizos. A actuación inclúe o soterramento do tráfico dun tramo da Rúa de Madrid cun aparcamento con 32 estacionamentos e unha gran praza.

O goberno galego financiará as intervencións achegando 1 millón de euros e o Concello licita, executa os traballos e achega o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns. 

O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada.

O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais. A proposta gañadora, "Os luns ao sol", ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade. 

A intervención reduce o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e prima a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo. As actuacións recollidas neste acordo centraranse na execución dun paso inferior para o tráfico da rúa de Madrid, desde o que se dará entrada ao aparcamento do novo edificio do mercado.

Tamén se procederá á reurbanización da Rúa de Madrid, desde a Rúa Panadeira ata o seu encontro coa glorieta de intersección da propia rúa de Madrid coa rúa Progreso.