A prevención das violencias machistas na adolescencia, principal eixo da campaña do Concello de Poio para o 25N

Poio
05 de outubro 2023

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, presidiu este mércores a reunión do Consello Municipal da Muller, na que participaron representantes dos grupos municipais así como de asociacións e colectivos locais

Consello Municipal da Muller Concello de Poio

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, presidiu este mércores a reunión do Consello Municipal da Muller, na que participaron representantes dos grupos municipais así como de asociacións e colectivos locais. 

Torres aproveitou o encontro para avanzar algunhas das propostas da campaña que vai desenvolver o Concello de Poio para concienciar sobre a violencia contra as mulleres, coincidindo coa conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e que terán como destinatarios principais a nenos, adolescentes e mocidade, para que asimilen a igualdade como un valor esencial. 

"Durante finais de outubro e o mes de novembro a programación será máis intensa, pero o obxectivo é traballar e facer propostas durante todo o ano para interiorizar a igualdade", explicou.

A primeira actividade, destinada para o alumado do IES de Poio, desenvolverase xa o martes próximo, 10 de outubro, no Centro Cultural Xaime Illa, e consiste no espectáculo teatral "No solo duelen los golpes", que narra a vivenza persoal da actriz, comunicadora e activista feminista Pamela Palenciano na súa primeira relación de noviazgo, unha relación que mudou violenta co paso dos seis anos que durou. Tras a sesión, o alumnado manterá un coloquio directo coa artista. O obxectivo desta actividade é traballar para evitar que se asenten os estereotipos sexistas ou desaprender os roles asumidos nas relacións afectivas, fomentando relacións sanas entre iguais.

Para o alumnado de 3ª da ESO destinarase o obradoiro "Que vexo no Youtube", o 22 de novembro. Desde a concellería de Benestar e Igualdade explican que hai un número considerable de preadolescentes, adolescentes e mozos que viven en constante conexión cos seus youtubers favoritos, nos que dan información sobre produtos de todo tipo, pero tamén inclúen as súas opinións persoais, moitas veces cargadas de rolos e estereotipos sexistas, así como de violencia cara ás mulleres. Por iso, sinalan, é necesaria unha análise crítica guiada por persoal especialista en psicoloxía de xénero, propoñendo novos modelos baseados na equidade e no bo trato.

Tamén a finais de novembro impartirase en todos os colexios de Poio, para o alumnado de 6º de primaria, o obradoiro "Violencia nos videoxogos" no que unha psicóloga, de forma participativa e lúdica, analizará os contidos dos videoxogos máis populares para reflexionar sobre os valores, modelos e estereotipos ou roles de xénero que transmiten. Ademais, visibilizarase outro tipo de videoxogos que xeren valores positivos e comportamentos igualitarios.

Este é o primeiro ano que amplían a participación neste tipo de obradoiros a alumnado de 6º de primeira, unha decisión consensuada cos propios centros escolares ao entender que se fai necesario que xa desde esas idades, nas que fan un uso maioritario dos videoxogos, se lles dean pautas para identificar este tipo de comportamentos e evitar que os normalicen.

Ademais dos obradoiros e accións cos centros escolares, na campaña tamén se inclúe o acto institucional do Concello de Poio, que será o venres, 24 de novembro, co parón institucional e lectura da moción conxunta de todos os grupos políticos da corporación municipal, expresando o compromiso de que Poio sexa un concello libre de violencia machista.

Por último, este ano colaborarase tamén coa Asociación Asampo (Asociación de Amigos da Pontevedrada), que quere organizar un Camiño Violeta entre Poio e Pontevedra, saíndo o domingo 26 do Parque da Memoria ás 9,30 horas, para chegar ó muelle de Lourido.