A presenza de Galicia no mundo, da prehistoria á actualidade, sen saír da Cidade da Cultura

Pontevedra
01 de decembro 2019

6.000 anos de historia, de interaccións e de diálogo, exposto cunha forte importancia das novas tecnoloxías e a realidade virtual. Esta é a exposición 'Galicia, un relato no mundo', que este sábado se achegou a todos os pontevedreses cunha presentación no marco de Culturgal 

Presentación da exposición 'Galicia, un relato no mundo' Diego Torrado

Un percorrido pola interacción entre o territorio histórico galego e o resto do mundo desde a prehistoria ata a actualidade, 6.000 anos de historia, de interaccións e de diálogo, exposto cunha forte importancia das novas tecnoloxías e a realidade virtual. Así resumiron este sábado Manuel Gago, Anxo Lorenzo e Alexandre González a exposición 'Galicia, un relato no mundo', inaugurada semanas atrás na Cidade da Cultura de Galicia e que se achegou a todos os pontevedreses cunha presentación no marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal.

Como se foi conformando a realidade galega e as relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo son o fío condutor desta mostra, na que o visitante pode ver por vez primeira en Galicia destacadas pezas que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas en distintos recantos do mundo como a Cambridge University- Parker Library, as Bibliotecas Bodleian da Universidade de Oxford, o Museo do Prado, a Biblioteca Apostólica Vaticana, a Biblioteca de Arezzo en Italia ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

No Gaiás están entre outros, a Biblia Kennicott –unha das biblias xudías máis valiosas, creada no século XV na Coruña–; a Santa de Asorey –que o propio escultor cambadés cualificou como a obra da que estaba máis satisfeito–; ou dous Códices Calixtinos.

A historia de Galicia e o lugar que ocupou no mundo poden entenderse mellor a través de, por exemplo, o Libro das Invasións –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán-; o Cancioneiro da Vaticana; ou o Mapa de Sawley, considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos que representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa.

En palabras de Manuel Gago, comisario da exposición, os visitantes que se achegan ata o Gaiás poderán encontrarse unha visión de Galicia como "un territorio dinámico que se está construíndo continuamente na súa relación con outros lugares". O obxectivo é "amosar as interaccións co resto do mundo ao longo de 6.000 anos de historia" e "intentar comprender como o que nós entendemos por cultura galega en realidade está conformado por unha especie de diálogo con múltiples culturas, sociedades, territorios, xentes e ideas".

As novas tecnoloxías son un elemento central do relato da exposición, empregando sistemas como realidade virtual e aumentada e dispositivos de detección sensorial. A mostra consegue así expandir os obxectos e as historias, traéndoas ao presente e crebando as dificultades de acceso a libros e outros obxectos distanciados do visitante por barreiras de lectura ou de imposibilidade de manipulación.

Entre outras aplicacións, a mostra converte a arquitectura do Museo Centro Gaiás –a través de realidade virtual– nun transatlántico da emigración galega a América; permite dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos; recrea o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante –o Sebasteion das Afrodisias en Turquía– ou fusiona linguaxes tan distintas e afastadas no tempo como os códices medievais e a estética propia do cómic e do graffiti.

Concibida como a primeira de tres grandes exposicións que a Xunta de Galicia porá en marcha con motivo do Xacobeo 2021, a partir deste mes de decembro ofrecerá aos visitantes tamén a posibilidade de mergullarse no seu contido dun xeito diferente, afondando nunha etapa histórica ou temática concreta da man de grandes expertos nesa materia

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, presentou a exposición este sábado no Culturgal acompañado de Manuel Gago e de Alexandre González, especialista en virtualización do patrimonio e restauración virtual de Xoia Software –empresa encargada dos sistemas interactivos da exposición– e deu a coñecer ese programa especial de visitas comentadas con especialistas

A través do ciclo 'Historias na encrucillada', todos os sábados pola mañá a partir do 14 de decembro e ata o 12 de abril o público poderá mergullarse en aspectos como a II Guerra Mundial, as invasións vikingas, a Galicia galaicorromana ou a Idade Media e o Camiño de Santiago.

Manuel Gago será o encargado de inaugurar o sábado 14 de decembro este programa de visitas relatorio cun percorrido polas pezas imprescindibles e as grandes liñas e fitos da mostra. A seguinte quenda será o 21 de decembro da man da historiadora Pilar Cagiao Vila, que guiará aos asistentes coa diáspora galega como pano de fondo.

Todas as visitas son de balde e con prazas limitadas, polo que é necesario rexistrarse previamente en cidadedacultura.gal. Están xa dispoñibles as inscricións para as quendas de decembro, mentres que as seguintes iranse abrindo cada mes a través da mesma web.

 ‘ESCENAS DO CAMBIO'

Culturgal tamén acolleu este sábado a presentación do festival de inverno de teatro e arte en acción da Cidade da Cultura, 'Escenas do cambio 2020', cuxas entradas saen hoxe á venda en www.escenasdocambio.org e cuxa programación tamén se inclúe nas accións culturais de cara ao vindeiro Ano Santo. 

Nesta presentación, Anxo Lorenzo estivo acompañado polos integrantes de Pálido Domingo, que xunto a Los Bravú e Quico Cadaval & Celso Sanmartín & ‘Guti’ conforman a representación galega neste festival escénico internacional, no que participan figuras de renome da escena europea como Ula Sickle, Gisèle Vienne, Dorothée Munyaneza ou Eszter Salamon.