A Praza da Aldea comeza coa súa transformación integral

Soutomaior
07 de setembro 2024

Os traballos prevén pavimentar toda esta praza con pedra do país e arranxar o acceso a este espazo histórico con pedra e formigón. Ademais, dotarase a zona con mobiliario urbano, como aparcadoiros, bancos e árbores

Obras na Praza da Aldea, en Arcade de Riba Concello de Soutomaior

As máquinas xa traballan nas obras de humanización da Praza da Aldea, en Arcade de Riba. Alí, o goberno municipal de Soutomaior inviste 160.000 euros para converter este espazo central do barrio nun núcleo de centralidade.

Os traballos prevén pavimentar toda esta praza con pedra do país e arranxar o acceso a este espazo histórico con pedra e formigón. 

Ademais, dotarase a zona con mobiliario urbano, como aparcadoiros, bancos e árbores, que farán da Praza da Aldea un espazo "coidado, moderno e agradable para a veciñanza", segundo destaca o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.

Lourenzo e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse este venres ata a praza para ver de primeira man os primeiros avances dos traballos.

O rexedor sinalou que con esta obra a Praza da Aldea "dá un salto de calidade xigantesco" e destacou que nas vindeiras semanas a veciñanza de Arcade de Riba "xa gozará dunha praza máis moderna e accesible".

Esta obra estase a levar a cabo grazas a unha subvención conseguida polo goberno local ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.