A por unha praza para estudar en Pontevedra o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Pontevedra
21 de maio 2024

Estas probas de acceso, segundo explica a Universidade de Vigo, buscan garantir que o futuro alumnado desta titulación conte cunhas condicións físicas axeitadas para o correcto desenvolvemento das competencias propias do grao

Probas de acceso ao grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Universidade de Vigo

Ata 136 mozos e mozas procedentes de diferentes puntos de Galicia mediron este martes as súas aptitudes para poder acceder ao grao en Ciencias da Actividade Fisica e do Deporte, que se imparte no campus universitario da Xunqueira, en Pontevedra.

Estas probas de acceso, segundo explica a Universidade de Vigo, buscan garantir que o futuro alumnado desta titulación conte cunhas condicións físicas axeitadas para o correcto desenvolvemento das competencias propias do grao.

Este é un requisito previo que os aspirantes deben superar antes de solicitar a súa admisión neste grao universitario.

Coordinadas pola profesora Águeda Gutiérrez, estas probas arrancaron na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde se desenvolveu a primeira delas, a de adaptación ao medio acuático, requisito obrigatorio para obter a cualificación de apto ou apta.

Superada esta, os aspirantes trasladáronse á facultade, onde debían acadar as marcas fixadas no regulamento en cinco dos seis restantes exercicios.

Concretamente, tratábase de probas de forza explosiva dos membros superiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, forza explosiva dos membros inferiores, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica

Con 161 inscritos e inscritas, 124 homes e 37 mulleres, tanto aqueles e aquelas que non lograron superalas como os que non puideron acudir nesta xornada disporán dunha segunda oportunidade para realizalas o próximo 18 de xuño.

As cualificacións obtidas, como recolle a convocatoria, teñen unha validez de dous anos e para o acceso ao grao son tamén válidas as probas superadas noutra universidade española.

Da súa realización están exentas as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou alto rendemento polo Consejo Superior de Deportes ou o organismo competente da súa comunidade autónoma.