A Ponte de Santiago contará con dous pasos de peóns antes do verán

Pontevedra
27 de marzo 2014

A creación destes dous pasos, que terán forma de lombo, son prioritarios para o Goberno local que contratou unha asistencia técnica á empresa Petra por 17.000 euros para reformar a contorna da Avenida de Compostela

Un peón cruza na Ponte de Santiago
Un peón cruza na Ponte de Santiago

O goberno local de Pontevedra vai establecer cinco pasos de peóns na Avenida de Compostela, dous deles serán creados "con carácter inmediato" nos extremos da Ponte de Santiago. Segundo explicou o concelleiro de obras, Luís Bará, que ten previsto reducir a capacidade de tráfico destes carrís e ampliar o espazo para peóns e bicicletas.

Estas reformas contan cun carácter prioritario en relación a toda a intervención que o goberno local proxecta para ese contorno, á espera da cesión definitiva, por parte do Ministerio de Fomento, do vial da Avenida de Compostela entre a rotonda de Bos Aires e a de Alexandre Bóveda, nas próximidades do Estadio de Pasarón.

Para este proxecto que busca facilitar a circulación peonil e ciclista, o Concello encargou unha asistencia técnica á empresa Petra por 17.000 euros para elaborar a reforma deste espazo e se agarda que poida estar listo no prazo dun mes e medio, coa intención de que se execute durante o seguinte mandato, segundo apuntou o concelleiro Luís Bará.

O edil de obras agarda que antes do verán poidan estar xa realizados os cinco pasos de peóns que "calmen o tráfico e faciliten a mobilidade en paralelo ao río". Neste sentido, crearanse pasos de peóns nos dous extremos da Ponte de Santiago, outro nas proximidades da seguinte rotonda, manteríase o que actualmente se encontra nun lateral do Pavillón dos Deportes e o último construiríase na zona de acceso ao campus onde se encontra a pasarela elevada, que polo momento non sería demolida porque "pode ter funcionalidade e elevaría os custos", indicou Luís Bará.

Con esta actuación, o goberno local busca rebaixar a intensidade do tráfico, máis de 16.000 vehículos circulan a diario, nesta vía "de alta capacidade e de certa agresividade e hostil para os peóns".

DESDOBRAMENTO DA AVENIDA DE VIGO

O luns 7 de abril, o Instituto Torrente Ballester acollerá unha reunión do concelleiro de obras cos veciños para explicar as obras que están previstas para a zona sur da cidade. O próximo martes 1 de abril finaliza o prazo para presentar as propostas para o desdobramento da Avenida de Vigo e como a empresa que resulte gañadora contará cun prazo dun mes para definir o proxecto, o concelleiro agarda que se poidan incluír propostas que os veciños trasladen nesa reunión.

OBRAS EN PASEO DE COLÿN

Por outra parte, as obras de remodelación do paso de peóns ante o Arquivo Provincial en Paseo de Colón iniciáronse na mañá deste xoves 27. Segundo Bará comprobouse que este tramo tiña unha base que provocaba movemento das pedras e, por ese motivo, aplicarase unha superficie de aglomerado asfáltico para "evitar futuros problemas". Tamén se realizarán obras de accesibilidade en Xofre de Tenorio na conexión con San Guillerme e tamén na Rúa dá Barca.

ENLACE DE BENITO CORBAL

Por último, Luís Bará referiuse ao tramo de continuidade entre Benito Corbal e a Praza de Ourense no cruzamento con Daniel de la Sota sinalando que "o resultado dese pavimento non foi o esperado". E anunciou que a próxima semana se realizará un novo arranxo empregando outro tipo de pavimentación. "Está previsto corrixilo sen custos e cun remate máis axeitado para esta zona", concluíu o concelleiro.