A Policía Nacional desarticula unha rede millonaria de cultivo e distribución de marihuana

Pontevedra
10 de marzo 2022

Axentes da UDYCO de Pontevedra detiveron, tras o rexistro dunha nave e unha vivenda do municipio ourensán de Pereiro de Aguiar, a catro cidadáns de nacionalidade albanesa e incautouse dun alixo de 235 quilos de marihuana

A Policía Nacional desarticula unha rede millonaria de cultivo e distribución de marihuana en Ourense Policía Nacional

A Policía Nacional detivo a catro persoas de nacionalidade albanesa e incautouse de 235 quilogramos marihuana, numeroso material eléctrico, documentación e teléfonos móbiles. É o balance provisional da operación que permitiu desarticular unha importante rede de preparación, cultivo e posterior distribución de marihuana por toda a Comunidade Autónoma de Galicia, España e Holanda.

O pasado 8 de marzo de 2022, froito dunha investigación levada a cabo polo Grupo II da  UDYCO de Pontevedra, baixo a dirección xudicial do Xulgado de Instrución número dous de Ourense, estableceuse un dispositivo que permitiu levar a cabo a detención de catro persoas e a entrada e rexistro nunha vivenda e nunha nave industrial situadas no municipio ourensán de Pereiro de Aguiar.

Na nave industrial ocultábase un gran laboratorio profesional para o cultivo intensivo do “cánnabis  sativa”, cunha instalación eléctrica, de illamento e de extracción, valorada segundo os expertos en 150.000 euros, onde se manipulan xeneticamente as plantas co obxecto de conseguir un maior rendemento en cada unha delas. Obtiñan catro colleitas ao ano cun beneficio anual duns dous millóns de euros.

A nave especialmente deseñada no seu interior para o cultivo intensivo, estaba compartimentada en sete estancias duns 150 metros cadrados cada unha delas deseñadas ad hoc e dotadas coas últimas tecnoloxías domóticas e sistemas de cultivo para acelerar o réxime natural de crecemento e floración.

A instalación contaba con aparellos de aireación e filtros de carbono para depurar o cheiro, ademais dun avanzado de sistema de iluminación con máis de 500 lámpadas cos seus respectivos transformadores, ademais de control de fotometría, temperatura, humidade, medidores de PH que variarían os parámetros en función ao momento do desenvolvemento das plantas, así como gran cantidade de fertilizantes.