A Policía Local realizou 32 intervencións en casos de violencia de xénero durante o 2021

Pontevedra
18 de febreiro 2022

Desas intervencións realizadas por axentes da Policía Local nove homes foron detidos e 23 investigados sen arresto como presuntos autores de delitos de violencia de xénero. A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde xunto ao xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, expuxeron este venres a información sobre denuncias e seguementos

Símbolo para frear a violencia contra a muller PontevedraViva

As denuncias de violencia de xénero incrementáronse no ano 2021, segundo os datos recollidos polo informe da Policía Local. A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde xunto ao xefe da Policía Local, José Manuel Duarte, expuxeron este venres a información sobre denuncias e seguementos a través do sistema Vioxén.

Vilaverde remarcou que os números son os contados polo departamento da Policía Local, polo que non se corresponden coa totalidade de casos de violencia contra as mulleres que se produciron no municipio. Tamén mostrou a preocupación que, no seu momento, supuxo o illamento durante a pandemia debido á convivencia que algunhas mulleres  mantiveron cos seus agresores.

Durante o 2021, entre as valoracións de risco realizadas ás vítimas, quince tiñan risco baixo e tres risco medio. Cinco mulleres non tiñan risco apreciado pero facíaselles seguemento para asegurar a súa protección, segundo se recolle no informe.

A partir de risco alto ou extremo, os casos pasan a ser competencia da Policía Nacional, aínda que se procura evitar o cambio. Desde o goberno municipal priorízase o benestar da vítima e inténtase que só teña que contarlle a súa historia a unha persoa polo que se agarda a comprobar a evolución do caso durante unha semana antes de pasalo ao ámbito da Policía Nacional. O axente asignado da Policía Local xa coñece de antemán detalles sobre horarios e hábitos tanto da muller como do seu agresor, polo que non sería conveniente trasladalo a outro policía, indicou Eva Vilaverde destacando a importancia que ten a atención detallada das vítimas.

32 INTERVENCIÓNS EN 2021

Ao longo do ano 2021 producíronse 32 intervencións neste ámbito, das cales 9 homes saíron detidos e 23 investigados. En canto aos detidos, oito foron por malos tratos e un por quebrantamento da orde de afastamento. Dos investigados non detidos, sete por malos tratos e dezaseis por quebrantamento.

A comparativa cos datos desde 2016 indica que o número de delitos de malos tratos só foi superado en 2017, cun total de dezaoito casos, mentres que o resto de delitos están en ascenso respecto a anos anteriores.

Pola parte dos acusados, o seu promedio de idade é de 38 anos, contando un home de 70 anos e un menor. Vilaverde declara que non hai un perfil claro de idade, "hai un perfil por comportamento e iso é o que temos que detectar". Entre as vítimas a idade media redúcese a 33, nesta ocasión con varias menores de dezaoito no grupo. Constan menores de idade entre os agresores e tamén entre as vítimas rexistradas en 2021. Tamén destaca o caso dun agresor de 70 anos.

En canto a chamadas para denunciar posibles casos de violencia de xénero, incide en que a maioría son por parte da veciñanza e anima a contactar coa policía a aquelas persoas que sospeiten dalgunha incidencia destas características porque a Policía Local agora pode presentar, de oficio, unha denuncia contra o presunto agresor.

Actualmente o equipo establecido da Policía Local de Pontevedra que se encarga desta área está integrado por tres axentes, despois da recente incorporación dunha policía, que está traballando no coñecemento dos protocolos específicos para estes casos.