A Policía Local intervén en 4 festas ilegais e denuncia a 48 persoas durante a Semana Santa

Pontevedra
06 de abril 2021

A maior parte das propostas de sanción producíronse durante os días festivos. Os axentes realizaron tamén 24 inspeccións a autocaravanas sen detectar ningún tipo de infracción

Policía Nacional e Local en Pontevedra Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra interveu durante os días festivos da Semana Santa en catro festas ilegais que se realizaban en pisos, locais de lecer ou naves nas que se reuniron numerosos grupos de persoas non conviventes saltando as normativas sanitarias e poñendo en perigo ao resto da sociedade. Ademais, os axentes municipais tramitaron outras 48 denuncias a persoas que incumprían a lexislación anticovid.

A portavoz do goberno local, a nacionalista Anabel Gulías, foi a encargada de dar a coñecer estes datos despois de reunión da Xunta de Goberno que ten lugar ao comezo de cada semana. A concelleira explicou que entre o 29 de marzo e o 5 de abril os axentes desbarataron catro festas ilegais. Ademais, das 48 denuncias tramitadas, só oito producíronse durante as xornadas laborais. É dicir, 40 tiveron lugar entre Xoves Santo e o Domingo de Resurreción.

Destas 48 propostas de sanción, 22 foron por saltarse o toque de queda, 18, por manter reunións entre persoas non conviventes; 3, por fumar na vía pública; 4, por non usar máscara; e unha por consumir alcol na rúa.

Con respecto ás festas ilegais, o 29 de marzo axentes da Policía Local acudiron a unha nave industrial da localidade de San Brais na que identificaron a 6 persoas. O 1 de abril, interviñeron nun local da rúa Barón, na Zona Monumental, no que se reunían 8 persoas non conviventes máis aló do toque de queda. O mesmo que ocorreu o 2 de abril nunha vivenda da rúa Alcalde Hevia, da que o atestado non está aínda pechado e non se coñece o número exacto de sancións; e o 4 de abril noutro piso da rúa Valentín García Escudeiro.

Doutra banda, durante estas datas o control dos axentes municipais centrouse tamén nas autocaravanas con 24 inspeccións a estes vehículos, 18 delas realizadas na área de estacionamento habilitada na contorna do río Lérez, sen detectar ningún tipo de infracción.