A Policía Local intercepta un furtivo na Reiboa con 10 quilos de ameixa xapónica

Poio
01 de xuño 2019

Unha patrulla observou ao home este venres pretendendo saír do areal cun saco de ameixa. Ao observar aos axentes soltou o saco e tentou disimular entre os bañistas, sendo identificado nese mesmo momento

Ameixa incautada pola Policía Local de Poio na Reiboa

A Policía Local de Poio interceptou durante a mañá do venres 31 de maio a un mariscador furtivo na praia da Reiboa.

Unha patrulla de servizo observou o home cando, ao redor das 12:00 horas, pretendía saír do areal cun saco de ameixa. Ao percatarse da presenza dos axentes soltou o saco e tentou disimular entre os bañistas, sendo identificado nese mesmo momento.

O saco contiña en concreto 10 quilos de ameixa xapónica.

A persoa ten 41 anos de idade e é veciño de Poio. Será denunciado por unha infracción administrativa ante os órganos competentes da Xunta de Galicia.

Esta actuación da Policía Local súmase á realizada recentemente de maneira conxunta cos vixiantes de Gardapescas da Confraría de Pescadores de San Telmo en Lourido, onde interceptaron a dous mariscadores furtivos con 20 quilos de bivalvos extraídos en zona prohibida e pechada á actividade por alta concentración de toxina.