Dentro das actuacións realizadas durante 2023 polos axentes da Policía Local de Sanxenxo, ademais de vixiar o cumprimento das ordenanzas municipais, seguindo o plan de protección cidadá co fin de garantir a seguridade no municipio, destacan a tramitación de 4.606 denuncias de tráfico, unha cifra que se incrementa especialmente durante o verán cando o municipio aumenta de forma considerable a súa poboación.
Ademais, tamén se contabilizan no balance anual 63 atestados por delitos contra a seguridade viaria, é dicir, condutores que superaban o 0,60 mg por litro en aire expirado e un total de 3 que o facían sen permiso.
Tamén se requiriu a súa presenza en 277 accidentes para garantir a seguridade na circulación e realizar as actuacións pertinentes en cuestións de tráfico.
En canto a retiradas de guindastre por coches máis estacionados que obstruían a entrada ou saída de particulares ou que alteraban a circulación normal rexistráronse 535 casos.
Dentro do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero, o coñecido como VioGén, ao que Sanxenxo está adherido, a Policía Local realizou ao longo de 2023 un total de 8 dilixencias.
Cabe lembrar que desde 2021 a Policía pasou a asumir, ademais da vixilancia, o seguimento de casos de violencia de xénero enmarcados en risco baixo ou non apreciable.
Á sala de obxectos perdidos de Miraflores chegaron o pasado ano un total de 579. Entre eles cabe destacar, móbiles, chaves, carteiras, bolsos, bicicletas, patinetes, xoias… Algúns deles foron reclamados polos seus donos, o resto se custodia nas dependencias policiais, onde permanecerán ata un máximo de 24 meses antes da súa destrución ou da súa doazón a algún colectivo social.
No balance cabe destacar as chamadas á central da Policía con ata 23.456 rexistros para solicitar axuda, información ou denunciar algún caso.
Outras actuacións reseñables son as detencións e dilixencias por atentados contra axentes da autoridade (12), as denuncias por lesións leve (5), as identificacións por pelexas ou agresións (49), as denuncias administrativas (86) ou os informes por anomalías no mobiliario urbano (178).