A Policía Local de Sanxenxo fai balance das súas actuacións durante o mes de xullo lembrando que o incremento poboacional no verán obrigou a redobrar esforzos e efectivos no persoal para atender as demandas dos cidadáns e garantir a seguridade.
Deste xeito, nos meses de verán refórzase o cadro de persoal con 35 auxiliares, dos que algúns xa se incorporaron en Semana Santa para responder as necesidades do municipio.
Durante o pasado mes de xullo, rexistráronse un total de 2.419 chamadas, cunha media de 78 chamadas diarias. Os principais motivos foron a solicitude de información (874), requirir a intervención nun accidente de tráfico (244), queixas por ruídos (187) ou actuacións con animais (103).
Ademais, as estatísticas da Policía Local de Sanxenxo revelan a tramitación de 5 atestados xudiciais (dous delitos contra a seguridade do tráfico, unha denuncia por danos, unha denuncia por lesións leves e unha detención por atentado contra os axentes da autoridade). A maiores, recolléronse 114 obxectos perdidos.
O maior número de denuncias é de tráfico, con 985. En canto a incumprimentos da ordenanza de convivencia cidadá, destacan 47 denuncias por satisfacer necesidades fisiolóxicas en espazos públicos, unha infracción considerada grave e cuxa sanción pode alcanzar os 400 euros.