O nivel alto de restricións que están activas en Sanxenxo con motivo da complicada situación epidemiolóxica levou á Policía Local a aumentar a vixilancia no municipio incorporando drons.
O corpo policial incorporou os drons este mesmo sábado e destinaranos a controlar a ocupación en espazos públicos e nas terrazas (limitado ao 50%), segundo a información facilitada polo Concello.
Concretamente, os sitios vixiados foron este sábado, na súa primeira xornada, a zona de Silgar e a praza dos Barcos, puntos tradicionalmente máis frecuentados en Sanxenxo.
A Xunta de Galicia activou en Sanxenxo medidas de prevención específicas de nivel alto por ter unha incidencia acumulada a 14 días de entre 250 e 500 casos por cada 100.000 habitantes. Este sábado, en concreto, ten 42 casos activos, un menos que o venres.
Estas medidas específicas implican que hai limitación de permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados e non está permitido o consumo no interior dos establecementos de hostalaría e restauración.
Nas terrazas ao aire libre a ocupación está limitada ao 50% das mesas permitidas e a ocupación máxima será de 6 persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes
Como no resto de Galicia, hai toque de queda ás 22.00 horas, os clientes poden quitar a máscara exclusivamente no momento do consumo e o horario do peche ao público da hostalería é ás 21.00 horas.