A poboación de 16 a 35 anos poderá pedir autocita para realizar cribados a próxima semana

Pontevedra
14 de xullo 2021

Sanidade organizou cribados en poboación moza de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía, Vilanova, Cambados e A Illa de Arousa durante os próximos días. A mocidade de 18 a 35 anos de Pontevedra, Poio e Marín está citada para o domingo 18 e o luns 19 no punto covid situado no exterior do Hospital Provincial

Cribado no Hospital Provincial a alumnado de institutos de Pontevedra Mónica Patxot

A Consellería de Sanidade habilitou a partir deste mércores a opción de solicitar autocita nos cribados para poboación de entre 16 e 35 anos que se realizarán os próximos martes 20 e mércores 21 de xullo no recinto feiral de Fexdega, en Vilagarcía.

As citas poderán pedirse a través da páxina web e as aplicacións do Servizo Galego de Saúde. 

Poderá pedir cita, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, a poboación moza de toda a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Durante os vindeiros días, a Consellería tamén organizou cribados en poboación moza de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía, Vilanova, Cambados e A Illa de Arousa.

En Sanxenxo hai cribados entre este mércores e o venres 16, cun total de 500 mozos citados cada día no centro de saúde de Baltar.

 En Vilagarcía, Vilanova, Cambados e A Illa hai citados 2.400 mozos de 18 a 35 anos o venres e o sábado 17, 1.200 cada día. Irán todos a Fexdega.

A poboación de 18 a 35 anos de Pontevedra, Poio e Marín está citada para o domingo 18 e o luns 19 no punto covid situado ante o Hospital Provincial. Serán un total de 1.600, 800 cada día.