A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo convoca unha nova protesta para o día 12 de agosto

Marín
07 de agosto 2021

A protesta terá lugar ás 19.00 horas diante do Concello de Marín, durante a celebración do próximo pleno municipal

Asemblea veciñal da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

Despois de celebrar asembleas veciñais en varias parroquias, a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo acordou volver mobilizarse ante os "graves problemas na atención sanitaria á veciñanza previstos para o 15 de agosto polos recortes en persoal médico da Xunta".

A Plataforma, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, convocou unha nova protesta que terá lugar o próximo 12 de agosto ás 19.00 horas ante o Concello de Marín, durante a celebración do pleno da corporación municipal.

Desde o colectivo sinalan que "faremos todo o que estea na nosa man para parar estes recortes", sen descartar acudir á vía xudicial.

Ademais engaden que a partir de agora "só vai haber 4 horas de médico para unha cota e o resto do tempo non haberá ningún facultativo, e máis de 1.000 persoas quedarán sen posibilidade de solicitar unha cita".

Estes recortes, aseguran, "conlevarán maiores problemas no Centro de Saúde de Marín e peor asistencia sanitaria en todo o Concello".