A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública denuncia a situación do consultorio de Vilalonga

Sanxenxo
15 de decembro 2021

Denuncian que "quedou cun só médico desde o 2 de decembro, e sen ningún o 13 e 14 desta semana; o 15 desprazaron un médico desde Urxencias de O Salnés durante unhas horas e desde este martes estanse anulando citas sen posibilidade de solicitar xa cita, neste momento, ata o 31 de decembro"

Consulta de Pediatría Saludand

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública en Sanxenxo denuncia a situación do consultorio de Vilalonga que "quedou cun só médico desde o 2 de decembro, e sen ningún o 13 e 14 desta semana; o 15 desprazaron un médico desde Urxencias de O Salnés durante unhas horas e desde este martes estanse anulando citas sen posibilidade de solicitar xa cita, neste momento, ata o 31 de decembro".

Segundo sinala esta Plataforma, dende o xoves día 2 de decembro o consultorio de Vilalonga quedou un só facultativo para atender a quenda de dous, por baixa do outro médico, unha baixa que non foi cuberta a pesar da forte presión asistencial que xa sofre esta consultoría, xa que "cada médico está atendendo unha media de 40 pacientes por día en quenda habitual".

Engaden que este pasado luns, 13 de decembro, a médico que estaba atendendo o consultorio de Vilalonga causou tamén baixa polo que o centro de saúde quedou sen asistencia médica durante dous días, "pecháronse axendas e desapareceron da aplicación do Sergas todas as citas ata o día 28". 

Ante a falta de médicos substitutos e a queixa de varias persoas, o mércores, enviaron desde Emerxencias de O Salnés un facultativo que estivo atendendo desde as 9 da mañá ata ás 13:30 horas, "sen embargo, na aplicación non hai ocos libres para petición de citas xa ata o 31 de decembro", afirman.

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública en Sanxenxo denuncia que a falta de facultativos neste consultorio "deixa arredor de 3.000 pacientes sen asistencia de atención primaria".

A pesar de que as urxencias sexan derivadas ao Centro de Saúde de Baltar, a Plataforma destaca que "son moitos os déficits sanitarios e burocráticos que conleva", desde os seguimentos de enfermidades crónicas, asistencia a domicilio, emisión e renovación de receitas, coñecer resultados de probas diagnósticas, dificultade para os pacientes de xustificar unha ausencia laboral por non ter quen lles proporcione o correspondente parte de baixa, eentre outros exemplos.

A Plataforma sinala que esta situación débese á "falta dunha xestión eficiente na que se substitúan as baixas sen ter que andar a sacar médicos dun centro para meter noutro, deixándoos con servizos deficitarios".