A Plataforma Loita mantén un encontro con Lores para expoñer a situación dos nacementos por cesárea e a atención temperá no Provincial

Pontevedra
02 de xaneiro 2024

Este colectivo nado en Pontevedra para defender a atención sanitaria dos menores trasladou ao alcalde de Pontevedra os problemas de longas listas de espera e de cambios continuos de profesionais en relación coa atención temperá

O alcalde de Pontevedra saúda ás representantes da Plataforma Loita
O alcalde de Pontevedra saúda ás representantes da Plataforma Loita Concello de Pontevedra

Tamara Campos, representante da Plataforma Loita, mantiña este martes un encontro con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, para tratar diferentes temas nos que este colectivo tenta defender a atención sanitaria dos menores.

Trasladaron, neste sentido, a situación actual en relación á atención temperá con longas listas de espera e cambios continuos de profesionais no Hospital Provincial. 

Indican que estas circunstancias prexudican ás familias xa que se trata de grandes prematuros, menores con enfermidades raras ou xenéticas, con TEA ou con problemas de mobilidade debido a causas como a parálise cerebral. Sendo menores de seis anos, segundo indican desde Loita, non poden esperar a recibir unha atención sanitaria de calidade xa que, en moitas ocasións, o que perdan nesta etapa da súa vida será "irrecuperable".

Tamén denunciaron a problemática cos nacementos por cesárea xa que no Hospital Provincial xa que, segundo o profesional que atenda, as nais poderán estar acompañadas e farase o pel con pel ou non. indican que se trata dunha situación de "incerteza" e alertan de que se incumpre a carta europea do neno hospitalizado. 

Esta situación en Pontevedra provoca que numerosas nais decidan acudir ao Hospital do Salnés a dar a luz onde estes procesos demandados pola Plataforma están garantidos.

Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira Anabel Gulías indicaron que colaborarán ofrecendo espazo para próximas reunións presenciais da plataforma no Centro Cultural de Monte Porreiro e tentarán trasladar á Consellería de Sanidade a petición da Plataforma para que os seus representantes sexan recibidas.