A plataforma contra a autovía A-57 reúnese co vicepresidente da Deputación

Pontevedra
13 de decembro 2023

Dentro da estratexia da plataforma de explicar as afeccións e problemas que supoñerá a construción do segundo tramo da A-57, veciños de Bora e Xeve reuníronse este luns pola tarde co vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, na sede provincial

Portavoces da Plataforma Contra a autovía A-57 na Deputación Plataforma Contra a autovía A-57

Dentro da estratexia da plataforma de explicar as afeccións e problemas que supoñerá a construción do segundo tramo da A-57, veciños de Bora e Xeve reuníronse este luns pola tarde co vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, na sede provincial.

A plataforma iniciou unha rolda de contactos con todos os partidos e cargos relevantes para pedir que se busque un mellor trazado para esta vía.

Sostén que o trazado actual "cambiará para sempre o rural de Pontevedra, deixando a decenas de veciños sen casas, outros centos de vivendas quedarán pegadas aos noiros e preto de 200 residencias soportarán niveis de ruído por encima do permitido". 

"O trazado do Ministerio de Transportes destruirá 6,000 metros cadrados de Rede Natura e dividirá ás parroquias", engaden. 

Os portavoces desta plataforma trasladaron todas estas cuestións a Rafa Domínguez para que defenda os intereses dos veciños do rural afectados por esta "lesiva e innecesaria vía".

Para este xoves esta plataforma de afectados convocou unha rolda de prensa no edificio da Xunta en Benito Corbal xunto aos colectivos Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace para denunciar os graves impactos sociais e ambientais que terá no rural pontevedrés a construción de máis tramos desta infraestrutura.

O rexeitamento da veciñanza do rural pontevedrés a esta autovía comezou hai 20 anos cando se licitaron os primeiros tramos. Agora, diante da continuación da construción, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace mostran o seu apoio e solidariedade coa veciñanza das parroquias afectadas "para frear a desfeita ecolóxica e social que causarán estas obras".