"A planta de biomasa farase en Pontevedra ou non se fará". A resposta, nun mes

Pontevedra
16 de marzo 2016

Ignacio Colmenares, vicepresidente de ENCE, envía unha mensaxe ao alcalde de Pontevedra: "sexa intelixente e úsenos". Nunha entrevista con PontevedraViva  detalla todos os plans de investimento da compañía, o número de postos de traballo que crearán e mesmo fala da "monobsesión" de Defensa da Ría coa fábrica de Lourizán

Fábrica de Ence PontevedraViva

Entrevista a Ignacio Colmenares, vicepresidente de ENCE.

 

Canto diñeiro está Ence disposta a poñer para financiar a ampliación da EDAR dos Praceres?

Unha cantidade importante. Gustaríanos saber primeiro canto é o importe necesario para que a depuradora da cidade de Pontevedra funcione, non a nosa, que a nosa funciona ben.

Eu creo que os accionistas asumirían perfectamente unha cantidade equivalente á metade do dividendo dun ano. Estarían dispostos a renunciar a el para que se nos deixe de confundir con esa depuradora, e logo, porque temos unha política de responsabilidade social corporativa e nada mellor que empezar a traballar con feitos.

Cando concretarán esta colaboración coa Xunta?

Cando nos chamen. Mantivemos reunións pero non para ese tema en concreto. Estánolo reclamando a Xunta, é certo, e dixemos que estamos de acordo. Nós dixémoslles que ten que ser un acordo amplo.

Augas de Galicia xestiona esta depuradora pero é a depuradora da cidade de Pontevedra, e ten que ser un acordo a varias bandas.

Situárase a planta de biomasa en Pontevedra?

A nós gustaríanos que se situase en Pontevedra. Esta poxa de enerxía renovable foi moi competitiva. Vai sen axudas ao investimento, entón hai que ser extremadamente competitivo.

Estamos a traballar agora mesmo en varias frontes: cos provedores de equipos en ver se economicamente isto é viable e estamos a acabar de estudar ben todo o combustible necesario se o hai e ao prezo correcto.

Esa planta, inicialmente, nós pensabámola facer en León. Pero como nos gustaría que a fábrica de Pontevedra fose moi competitiva cremos que é bo facela en Pontevedra. E logo creo que a obrigación da sociedade é tratar de devolver o que a sociedade lle dá. A sociedade deunos unha prórroga da concesión, pois se imos xerar emprego, que mellor que xeralo en Pontevedra. E se imos xerar necesidades de combustible, que significa madeira, pois que mellor que facelo en Galicia.

Eu creo que dentro dun mes terémolo claro se isto cumpre as nosas necesidades de rendibilidade. Agora o noso desexo é que a cumpra e que se poida facer en Pontevedra, desde logo. Pero aínda non recibimos a oferta en firme dos fabricantes de equipos.

Pranta de biomasa: Se conseguimos axustar os prezos dos equipos se fai en Pontevedra e senón non a facemos en ningún sitio

Se conseguimos axustar os prezos dos equipos faise en Pontevedra e senón non a facemos en ningún sitio. Porque dos sitios que tiñamos hai dous meses o único que parece que pode ter a rendibilidade necesaria é Pontevedra. Ou se fai en Pontevedra ou non se fai.

Depende a construción da planta de biomasa deses pactos que Ence propón ás administracións?

Esa planta non depende de ninguén. Depende de nós.

Na solicitude de prórroga está posto que se gañabamos o concurso gustaríanos facer unha planta de 40 megawatts. No Plan Sectorial do ano 2003 xa estaba previsto que a ecoxeneración pasase de 40 a 80 megawatts.

Digamos que é un tema no que levamos moitos anos traballando.

A canto ascendería este investimento?

Eu creo que vai estar entre os 70 e os 80 millóns de euros. Ademais dos 61 millóns de euros que están avalados para outras cousas.

Explíquenos en que consisten os plans de investimento de Ence en Galicia en produtos agro-industriais.

A nós nos gustaría investir non só na fábrica de Pontevedra senón investir nalgunha localización máis en Galicia para avanzar no que chamamos a bioeconomía.

Esto é, a transformación en produtos económicos rendibles da biomasa, forestal ou agrícola, co obxectivo de substituír produtos como son os plásticos ou os pigmentos de pinturas que veñen de fósiles.

É un tema de I+D+i novo que pode dar moito rendemento como unha fonte de riqueza máis para Galicia.

Tería sede tamén en Pontevedra?

Non. Pensamos que ten que estar unha na provincia da Coruña, outra en Lugo e outra na provincia de Pontevedra, e sempre preto do medio rural. Isto xera emprego especializado en I+D, emprego técnico.

Todos estes investimentos cantos empregos xerarían?

Os 61 millóns que están avalados na solicitude de prórroga de Ence en Pontevedra xeran uns 30 empregos industriais dentro da fábrica e outros 100 empregos entre actividades forestais e de loxística.

La planta de biomasa se a facemos xerará outros 30 empregos industriais e preto de 300 empreogs entre loxística e rurales

A planta de biomasa se a facemos xerará outros 30 empregos industriais e preto de 300 empregos entre loxística e rurais, para o cultivo e o corte da madeira.

E estes tres centros de I+D de bioeconomía nos primeiros anos serán máis pequenos dunhas 20 persoas en total.

Cando empezarán as obras do proxecto de integración paisaxística?

Estamos a acabar o estudo de detalle agora mesmo e en tres meses empezaremos a obra. Iso está tamén avalado na solicitude de prórroga e por lei temos dous anos para facer esa obra.

Todas estas obras en dous anos estarán acabadas e feitas. Isto inclúe, a eliminación dos cheiros, a redución do ruído, a redución dos vapores de auga, a integración paisaxística coa fachada nova e con toda a pantalla vexetal e o ciclo da auga.

Que perseguen en dous anos e con todo este investimento?

Que o cidadán desde o outro lado da ría vexa unha pantalla vexetal e unha cousa que se disimula contra o fondo. Non o impacto forte que tes agora coa fábrica aí en metade da ría.

Perseguimos que non haxa ningún cheiro en ningún momento do día. Melloramos moito, pero hai aínda moita marxe de manobra para seguir mellorando. Queremos que non saian vapores. Hoxe cando non hai baixas presións conseguímolo.

Por tanto o cidadán estará a ver unha fábrica que apenas a percibirá, que non fai ruído, que non cheira, que non ves vapores. Imos reducir o consumo da auga un 90%, quere isto dicir que imos soltar polo emisario submarino un 10% do que soltamos agora.

Por tanto, eu creo que soamente os fanáticos estarán a favor de que nos vaiamos. Porque o resto da xente, se xeras emprego, xeras riqueza e non molestas e reduciches á mínima expresión o teu impacto ambiental...

Todo isto hai que facelo nun momento complicado, pero imos botar un par de narices e imos investir os 61 millóns de euros e imos tentar que a xente o acepte e o vexa.

Paréceme un pouco incríble que Defensa da Ría se meta con nós e non coa depuradora da cidade

A min paréceme un pouco incrible como unha asociación moi respectable como Defensa da Ría e o seu presidente sigan todos os días meténdose connosco e non se meten coa depuradora da cidade. Non o entendo. É unha monobsesión.

É certo que a empresa na época do INI (Instituto Nacional de Industria) foi un desastre, xa o sabemos. Vivía ás costas da cidade, contaminou, cheirou mal. Pero tamén é certo que levamos 15 anos cun comportamento medio ambiental bo.

Eu digo moitas veces que España non é unha república única centroafricana, España está na Unión Europea e aquí cúmprense as normas e cando unha fábrica contamina péchancha.

Sorprendeulles a resposta social que tivo a concesión da prórroga a Ence en Lourizán por 60 anos máis?

Si nos sorprendeu, pero gustaríame matizalo. Nós facemos unhas enquisas cada seis meses cun instituto serio que é Sondaxe e onde as últimas que tiñamos daban que un setenta e tantos por cento dos votantes do PP e PSOE están a favor da continuidade de Ence. E dábannos que un 51% dos votantes do BNG e de Marea estaban a favor da continuidade.

Segundo as enquisas de Ence o 51% dos votantes do BNG e de Marea están a favor da continuidade

Eu creo que a prórroga tivemos a mala sorte de que se deu por un goberno en funcións, o cal non é estético. Deuse nun momento político moi complicado no Estado español e en Galicia e iso foi aproveitado.

E si, sorprendeunos. Nos últimos anos na manifestación anual contra a fábrica de Pontevedra non había máis de 500 ou 600 persoas, pois nos sorprendeu que por mor da concesión houbese 6.000 persoas. Pero hai que lembrar que houbo unha manifestación hai tres meses na Praza de Touros de Pontevedra onde houbo sete mil persoas a favor da continuidade de Ence.

Entón, como nos sorprendeu e somos xente de acción pois nolo temos que tomar en serio e temos que convencer á poboación de que non contaminamos e que é mellor que sigamos aí, porque imos xerar riqueza e ímola a compartir coa cidade.

Que queren dicir vostedes cando afirman que Ence desexa cumprir coas súas obrigacións "e máis"?

Imos supoñer, en dous anos: Fixemos os investimentos que contei, cambiou a percepción da opinión pública, logramos convencer a todos os políticos de que é bo que quedemos aí... pois nos gustaría que a fábrica de Pontevedra sexa mellor que a de Navia e que faga máis toneladas, que compre máis madeira de Galicia.

Os proxectos pequenos de I+D dos que falabamos antes, se van ben, xerarán emprego cualificado.

Nós temos que ver onde poñemos un centro de I+D potente forestal. Pois o podemos facer en Lugo, en Asturias, en Huelva ou en Pontevedra. Todo iso hai que velo. Iso é xerar moito emprego.

Mensaxe ao alcalde de Pontevedra: "sexa intelixente e úsenos"

Unha mensaxe para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O que lle dixen ao alcalde de Pontevedra, que lle teño un bo respecto porque está claro que se a xente vótalle maioritariamente debe ser un bo alcalde, o que lle dixen máis dunha vez por escrito é que eu entendo que el poida estar de acordo ou non con que esteamos aquí, pero, se estamos... sexa intelixente e úsenos.

Nós con Greenpeace temos unha relación parecida: traballamos en actividades de mellora forestal e eles tampouco queren que esteamos na ría de Pontevedra. Pero unha cousa non quita a outra.

No que estás de acordo traballas e no que non estás de acordo pois... non estás de acordo. A administración do Concello de Pontevedra tería que facer unha cousa parecida, non nos digan que estás de acordo con que quedemos, pero úsanos xa que estamos aquí e temos recursos e xeramos emprego.

E se hai cambio de goberno no Estado? É revogable a concesión de prorroga?

Non, está claro que terían que ser os tribunais. Pero todo se pode revisar, pódense revisar os prazos, por exemplo.

Os políticos cada un defende o seu, lóxico.

Arquivado en