A petición do PP de gratuidade da autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Curro debatirase no pleno do luns 20

Pontevedra
15 de xaneiro 2020

Fernández Lores responde ao portavoz do PP, Rafa Domínguez, lembrándolle que o PP estivo sete anos no goberno centraal sen que asumira compromisos con Pontevedra e agradeceu que o PP entenda que o BNG sexa unha forza política "útil para o país e para Pontevedra"

Peaxe da autoestrada AP-9 Mónica Patxot

O luns celebrarase o pleno ordinario de xaneiro con tres mocións, entre as que destaca a realizada polo Partido Popular na que pide a gratuidade da peaxe na autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Curro. 

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recollía, este mércores, o reto dos populares que demandaron a súa mediación para aproveitar este "momento histórico" para conseguir que o Goberno central libere de peaxe este tramo. O rexedor valora o compromiso adquirido polo BNG co PSOE para manter unha axenda galega e pontevedresa na actividade do executivo do Estado. Neste sentido, Fernández Lores apuntaba a que nese acordo se lograron numerosas cuestións que espera que se cumpran na totalidade porque teñen "transcendencia" para Galicia.

"O PP tivo sete anos no goberno para facer o que tiña que facer e non o fixo", apuntou Fernández Lores, que valora positivamente que desde as filas populares entendan que o BNG é unha forza política "útil para o país e para Pontevedra".

Ademais, o pleno ordinario do 20 de xaneiro tamén debaterá sobre dúas propostas do grupo mixto Cidadáns, unha centrarase sobre a inclusión de Pontevedra na rede mundial de asociacións de cidades amigables coas persoas maiores e outras para mostrar apoio ao ordenamento xurídico español e órganos constitucionais entre os que inclúen á Xefatura do Estado.

Ás 13.00 horas, ese mesmo luns desenvolverase o pleno honorífico coa entrega dos Premios Cidade de Pontevedra 2019 á  Esdemga e a Rosario Álvarez, a pontevedresa presidenta do Consello da Cultura Galega.