A perda de auga na rede municipal de abastecemento non chega ao 3%

Pontevedra
24 de marzo 2021

De cara o ano 2023, Galicia ten marcado o obxectivo de aproveitar como mínimo o 80% da auga que se distribúe a través das redes de abastecemento públicas. E a cidade de Pontevedra xa supera con creces esa cifra, segundo o balance do rendemento do sistema municipal

Billa de auga PontevedraViva

De cara o ano 2023, Galicia ten marcado o obxectivo de aproveitar como mínimo o 80% da auga que se distribúe a través das redes de abastecemento públicas. E a cidade de Pontevedra xa supera con creces esa cifra, segundo o balance do rendemento do sistema municipal.

Pontevedra aproveita o 92,27% da auga que distribúe a fogares e empresas. Tan só un 7,73% da auga non queda rexistrada e, dentro desta porcentaxe, un 2,9% corresponde ás perdas do sistema e o resto son servizos que non se reflicten nos contadores.

Segundo os datos relativos ao exercicio 2020, a rede de distribución municipal subministrou un total de 9.561.088 metros cúbicos.

Do total de metros cúbicos distribuídos, un total de 4.667.413 va destinados aos concellos de Poio, Marín, Vilaboa e Bueu, mentres que 3.949.724 destínanse aos domicilios de Pontevedra.

A estes datos hai que sumarlle un total de 204.854 metros cúbicos rexistrados en subministracións municipais con contador, por exemplo os centros sociais, o que dá un resultado de 8.821.991 metros cúbicos rexistrados por contador.

A edil responsable do ciclo da auga, Carme da Silva, apunta que a adecuada xestión ambiental sempre foi unha prioridade para o Concello, polo que durante os últimos anos realizáronse importantes investimentos en seguimento, renovación e ampliación da rede de abastecemento.