A peaxe da AP-9, polas nubes: subirá outro 2% polas obras de Rande

Pontevedra
05 de setembro 2018

Viaxar pola autoestrada AP-9 entre A Coruña e Vigo será, en breve, aínda máis caro. O Ministerio de Fomento confirmou que as tarifas aumentarán un 2% para "compensar" á concesionaria Audasa pola ampliación da ponte de Rande

Cabinas de peaxe da autopista AP-9 PontevedraViva

Viaxar pola autoestrada AP-9 entre A Coruña e Vigo será, en breve, aínda máis caro. O Ministerio de Fomento confirmou que as tarifas aumentarán un 2% para "compensar" á concesionaria Audasa pola ampliación da ponte de Rande.

Así, o prezo da viaxe entre ambas as dúas cidades pasará a custar 31,62 euros, sesenta céntimos máis que na actualidade.

O tramo entre Pontevedra e Vigo subirá ata os 3,70 euros e, como ata agora, será gratuíto á volta para os que teñan dispositivo de telepeaxe nos seus vehículos e fagan ambos os percorridos no mesmo día.

Fomento asegurou que o Goberno viuse obrigado a continuar coa tramitación dun expediente "que vén lanzado" desde a etapa do executivo presidido por Mariano Rajoy.

Trátase da segunda subida da peaxe que experimenta a AP-9 este ano, autoestrada que xa se encareceu nun 1,9% o pasado mes de xaneiro.

Desde a Xunta de Galicia, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, definiu como "sorprendente" que a Xunta "se teña que enterar a través dos diferentes medios" dunha subida de peaxes, "estando constituída a comisión de seguimento da AP-9" e solicitada a convocatoria.

Vázquez acusou de "deslealdade institucional" ao "PSOE en Madrid", que "está afeito dicir unha cousa na oposición e facer o contrario cando goberna en beneficio de Audasa".

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, responsabilizou ao executivo anterior do PP da subida das peaxes.

Losada lamentou que lamentou que o Goberno teña que "pagar as facturas" deixadas polo Partido Popular e teña que asumir as subidas da peaxe da AP-9 "debido aos compromisos e xestións feitas no seu momento entre o anterior Goberno e a actual Xunta".