Son coñecidos os usos industriais da pasta de papel. Pero a celulosa pode ter outras vidas, como o veñen demostrando nas últimas semanas os máis de 400 escolares que participan no "Obradoiro de papel artesanal feito a man, coa pasta de celulosa de Ence"no Colexio San Narciso de Marín.
Este taller está financiado por Ence, cunha achega de 12.500 euros do seu Plan Social. Para coñecer máis detalles deste proxecto, falamos co coordinador do obradoiro, Eulogio Rosales Galiñanes, mentres asistimos á visita dos alumnos de 4º da ESO do Instituto Chan do Monte de Marín:
- A idea do taller xorde do ANPA do Centro San Narciso de Marín cunha proposta que eu lles levo, onde podemos aproveitar os recursos e o convenio de Ence para poder achegar aos nenos os oficios tradicionais. E entre eles estaría a elaboración de papel artesanal coa pasta que Ence fabrica.
Que materiais dos que produce Ence utilizades neste taller?
- Nós o que facemos é, no proceso de elaboración do papel, dar a coñecer a historia dos diferentes vexetais que poden ter fibra para obter papel. Ence fai pasta de papel a partir do eucalipto. E nós contámoslles que mesmo hai outras fábricas que utilizan pasta de piñeiro ou de cáñamo. Entón ensinámoslles que cada unha destas pastas ten unhas fibras características e que, ao desfibrarlas, ao desfacelas, atopámonos que unhas son fibras curtas e outras fibras longas (...) Aos alumnos dámoslles liño, que sería unha fibra longa, e eucalipto ou pasta de Ence, que sería unha fibra curta e faría a trama, é dicir, a ligazón (das fibras de liño) e as unións das fibras entre elas.
No taller, fas un exemplo moi curioso no que animas a que os alumnos escoiten o son dun billete de 5 euros ao tirar del repetidamente por ambos os lados.
A xente descoñece moitas veces que os billetes están feitos de fibras, á parte doutros controis de seguridade. O fundamental son as fibras. O son metálico dun billete está producido polo liño, que é unha fibra moi forte e resistente, que sería a urdimbre do papel, e logo a ligazón, como che dixen anteriormente, sería a pasta de papel ou do eucalipto, como a que fai Ence.
Neste taller realizades un uso artesán dun produto, a pasta de papel, que coñecemos sobre todo pola súa aplicación industrial. Que importancia ten para os escolares darlle nova vida a estes materiais?
É importante unha toma de conciencia de que nós temos que reciclar todo o papel que producimos nos nosos institutos. Podemos facer papel, con ese papel. Todo o que temos na rúa, o papel ou o cartón, podémolo reutilizar. Por iso facemos que os alumnos pasen por todo o proceso de elaboración.
Tamén comprobamos in situ que os alumnos que asistían ao taller exclamaban nunha parte do proceso que "isto parece maxia", en concreto, cando a mestura líquida do liño e a pasta de papel de Ence, convertíase nunha folla de papel.
É nas chamadas pilas de formación da folla onde coñecen como se forma a folla. Quizais é o momento máis espectacular do proceso porque, na pila onde están as fibras refinadas, eles non as ven, porque están tan refinadas que só ven auga. Só cando mergullan o formador de follas e sóbeno, ven o fenómeno da colocación das fibras longas na posición máis longa e as curtas nas ligazóns. Desta maneira forman a folla. Logo póñena na cama ou colchón (...), a continuación, cando xa teñen feitas 15 ou 20 follas, lévannas á prensa, se lles escorre a auga e poñémolas a secar. O secado dura unhas 24 horas e despois pasarían por dous rolos onde se alisa a folla.
Nesta época tan tecnolóxica, que aporta aos escolares poder contactar con oficios tradicionais?
Sobre todo creatividade. Ademais, estamos a recuperar un proceso artesanal, manual, que non é caro e que actualmente ten un valor engadido porque todos os gravados, obra gráfica ou facsímile realízanse con papel feito a man e a demanda é bastante grande a nivel nacional. (...) Pensa que aos papeis pódenselles engadir elementos como flores, calquera material orgánico, pódeselles dar olor... Podemos facer un papel para escribir, para imprimir, serigrafiar, facer gravado, debuxar, poder facer un origami, un caderno ou encadernar (...) Os nenos que están na aula cos profesores, non é só que saiban a teoría senón que a poden practicar, e iso é un valor engadido moi grande.