Rosario González foi o 24 de decembro de 2022 a única pasaxeira sobrevivente do accidente de autobús de Pedre, en Cerdedo-Cotobade. Tamén sobreviviu o condutor, pero faleceron os outros sete pasaxeiros. Agora, o seu testemuño resulta fundamental na investigación xudicial do sinistro e este xoves compareceu durante unha hora ante o xuíz.
A testemuña declarou acompañada pola súa avogada no Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra e, á súa saída, visiblemente afectada, explicou que reiterara a súa declaración previa e mostrou o seu agradecemento ao condutor, pois axudouna cando o autobús saíu da vía e acabou na auga no río Lérez.
María Álvarez Rodríguez, a súa avogada, asegurou que "está moi agradecida ao condutor porque a axudou, recuperouna, que ela caeu do asento, soltouse o propio asento, foi recuperala ás escaleiras da parte principal do vehículo".
Sobre esa actuación do condutor, asegurou que tamén tentou axudar ao resto de pasaxeiros. "Despois aínda se moveu para o resto do autobús para tratar de buscar a outros sobreviventes, a outras persoas", indicou.
"Sacoume da auga, espertoume", lembrou a sobrevivente. E, co seu testemuño, achegou unha declaración coincidente coa realizada polo condutor, asegurando que non ía con exceso de velocidade -como sostén a Garda Civil- e que adoptou todas as precaucións precisas dadas as condicións climatolóxicas adversas daquela Noiteboa.
A muller estaba visiblemente emocionada e respondeu con monosílabos, pero, ante os medios de comunicación, explicou que o condutor "non" ía rápido. "Non vin o conta quilómetros, pero non era iso que vías que daba volantazos", insistiu.
Ante a pregunta de se o condutor gardaba as precaucións, asegurou "si, para min, si". E relatou que o tempo era moi malo e había moi pouca visibilidade: "é que non se vía, e cada vez ía a máis". Ademais, lembra que mesmo "o condutor aínda dicía que tiña que ir amodo porque non se vía, a xente que baixaba el aínda axudaba porque dicía: señora, vai caer".
Segundo explicou a avogada desa testemuña, "o condutor ía conducindo perfectamente coas precaucións, que había unhas condicións climatolóxicas moi adversas". E relatou que mesmo ían chegar cun pouquiño de atraso por esa mala climatoloxía, "que non había nada de visibilidade, que non había alumeamento na estrada nin reflectores nos laterais da vía".
O que lembra esta sobrevivente, segundo a súa avogada, é que "o autobús foi en plancha, unha especie de aquaplaning ou algo similar, e que se deslizaban e o condutor non podía ter o control do vehículo e que por iso caeron".
Esta pasaxeira recoñece que, tras o accidente, a súa vida cambiou moito "psicoloxicamente" e tamén no día a día, pois ten unha filla dependente á que custa prestarlle a debida atención. "Teño que depender de persoas para bañar á miña filla", explica. Por este motivo, pretende reclamar na xulgado "asistencia para min e máis para a miña filla".