A partir do sábado 12 ningún concello galego quedará en nivel alto de restricións

Pontevedra
08 de xuño 2021

O comité clínico que se reunía este martes 8 determinou o nivel medio para os concellos de Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove. Volverá manter un encontro o vindeiro martes 15 para analizar, de novo, a situación epidemiolóxica de cada municipio

Persoa vacinándose Sergas

O comité clínico formado por expertos sanitarios encargado de asesorar á Xunta de Galicia na xestión da pandemia mantiña un encontro na tarde deste martes e decidía establecer o nivel medio de restricións para os municipios de Soutomaior, Mos, Oroso, Viveiro e Xove.

O resto de concellos de Galicia sitúanse no nivel medio baixo. Isto supón que ningún municipio da comunidade atópase no nivel de restricións máximas ou altas. A partir do sábado 12 de xuño, por tanto, cando entre en vigor esta decisión, non haberá ningún Concello nese nivel alto de restricións.

O vindeiro martes 15, o comité clínico volverá manter un encontro para analizar, de novo, a situación epidemiolóxica por municipios. Durante esta xornada tampouco se notificaron falecementos por covid-19 por parte da Consellería de  Sanidade. 

VACINACIÓNS PREVISTAS PARA ESTE MÉRCORES 9

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés informa de que este mércores 9 de xuño están convocados para vacinarse:

- 2.800 persoas no Recinto  Feiral de Pontevedra durante a mañá e a tarde. Trátase de cidadanía con menos de 50 anos e que recibirá a vacina Pfizer.

- 295 no Hospital Montecelo. Son persoas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos, que recibirán a segunda dose da vacina Moderna.

- 600 persoas convocadas no recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa durante a mañá. Tamén son menores de 50 anos, que recibirán Pfizer.