Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, participaba este luns, por videoconferencia, nun novo encontro do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Durante esta reunión decidíase retomar a vacinación coa medicación de AstraZeneca, ampliándose a persoas con idades comprendidas por baixo dos 65 anos.
Segundo informan desde a Consellería de Sanidade, a vacinación en Galicia renovarase a partir deste mércores 24. Quérese retomar a inoculación desde onde quedou paralizada, cos grupos 3 B, de persoal implicado na xestión e resposta da pandemia; 3C, resto de persoal sanitario e sociosanitario non vacinado con anterioridade e grupo 6, profesionais da Garda Civil, Policía Nacional e Autonómica, Local, Bombeiros e outros corpos de atención á cidadanía.
A medida que cheguen os viais comezarase a incorporar a persoas menores de 65 anos, segundo indican desde o Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O número de vacinas de AstraZeneca chegado esta semana sitúase nun 57% do previsto, en total recolléronse 12.000 vacinas.
A partir deste martes, o departamento sanitario de Galicia comezará a realizar as citacións para convocar ás persoas que serán vacinadas nos próximos días. Ata o momento, a Xunta de Galicia administrou un total de 385.613 dose. 119.941 residentes na comunidade autónoma xa recibiron a pauta completa.