A parroquia de Samieira ten proxectos en marcha por máis de medio millón de euros

Poio
13 de marzo 2022

Desenvolverá unha actuación para habilitar unha senda peonil que enlace a PO-308 coa ruta dos muíños, ademais de promover a recuperación da contorna da antiga escola unitaria de Tarrío. Estes traballos, aos que tamén hai que engadir os correspondentes á futura humanización e mellora de servizos básicos en Arén, levaranse a cabo ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Proxecto de senda en Samieira Concello de Poio

O Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, proxecta a realización de varias actuacións de calado na parroquia de Samieira, que servirán para mellorar a calidade de vida dos veciños, ofrecéndolles novos espazos de esparexemento, así como para renovar servizos básicos e poñer en valor espazos turísticos de relevancia. 

Tal e como sinala o responsable deste departamento municipal, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), serán un total de 540.000 euros os que se van investir, repartidos en tres proxectos diferentes. Estes fondos proveñen do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2022. 

O máis cuantioso será o correspondente á renovación e dotación de servizos básicos no lugar de Arén, por valor de preto de 350.000 euros, e que inclúe tamén a implantación de plataforma única con empedrado, apostando pola mobilidade sostible e a posta en valor da contorna.

A maiores, a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo contempla actuar en Samieira para habilitar unha nova senda peonil á beira do rego da Feiría, que serviría para ofrecer unha conexión a pé entre a PO-308 e a ruta dos muíños de Samieira. 

"Crearemos, deste xeito, unha rede de camiños sostibles nunha contorna privilexiada e que atrae a un gran número de visitantes de xeito regular durante o ano, ao mesmo tempo que traballaremos no acondicionamento do regato, que nalgunhas zonas atópase bastante deteriorado", apunta o edil do Goberno municipal. Esta actuación contará cun orzamento superior aos 85.000 euros. 

"Este proxecto suporá un antes e un despois no que a mobilidade na parroquia se refire, posto que ofrece unha conexión directa a pé entre a praia do Laño co núcleo de Samieira", recalca Agís Gómez.

Tal e como figura na memoria elaborada polos técnicos municipais, os traballos realizaríanse ao longo duns 170 metros de extensión, centrándose na limpeza e acondicionamento do regato nalgúns tramos, así como o desbroce da senda. Ademais, dotaríase a este novo espazo dunha plataforma de 20 centímetros de xabre artificial. O proxecto inclúe a construción dunha ponte para cruzar o regato, ademais da colocación de 13 pasos, a modo de escaleiras, con perpiaño granítico asentado sobre unha base de formigón, que darían acceso á PO-308. "De cara ao futuro, a nosa intención é buscar fórmulas para poder enlazar este tramo co paseo do Laño, de xeito que quedaría directamente conectada a ruta dos muíños coa fachada costeira", explica Gregorio Agís. A dotación de sinalización e de barandas de madeira completan unha actuación que cumprirá con todas as medidas pertinentes para garantir a accesibilidade. 

Por outra banda, a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo tamén ten previsto desenvolver unha actuación para mellorar e poñer en valor a contorna da zona existente nas proximidades da antiga escola unitaria de Tarrío. "Trátase dun terreo que na actualidade está moi deteriorado e que, grazas a estes traballos, pode consolidarse como lugar de encontro de referencia para a veciñanza da parroquia de Samieira", indica Agís.

O edil do PSdeG-PSOE explica que, neste caso, o orzamento destinado será duns 95.000 euros aproximadamente, que se utilizarán para a renovación de servizos básicos como a recollida de pluviais, ademais da dotación dunha superficie de empedrado, á que se lle sumarán dúas áreas con pavicéspede. A contorna lucirá tamén novo mobiliario urbano, consistente en bancadas e mesas de pedra, así como dous aparellos biosaudables e un rocódromo.

Gregorio Agís sinala que nos vindeiros días o departamento municipal convocará en Samieira unha reunión informativa, co obxectivo de dar a coñecer os pormenores de todas estas actuacións á veciñanza.