A pantalla LED con información sobre as praias de Marín vai trasladarse por obras

Marín
07 de agosto 2020

Desde o Concello quixeron aclarar que esta localización xa foi desde un principio temporal, dado que toda esa zona sufrirá unha pronta remodelación. Vai instalarse nun punto aínda non dado a coñecer, "no punto estratéxico que se considere máis axeitado"

Pantalla LED da avenida de Ourense de Marín PSOE de Marín

O Concello de Marín cambiará a localización da pantalla LED que instalou ao principio do verán na avenida de Ourense para ofrecer información sobre o estado da ocupación das praias. O motivo deste cambio será, segundo fontes municipais, as obras de humanización desta área da vila, que suporán un importante cambio no urbanismo e na imaxe estética. 

Desde o Concello quixeron aclarar que esta localización xa foi desde un principio temporal, dado que toda esa zona sufrirá unha pronta remodelación co inicio das obras na que é a principal arteria da vila.

Instalouse no lugar no que estivo ata agora co obxectivo de poder ofrecer a información relativa aos aforos dos areais, pois consideraron que o lugar era "o máis axeitado posible".

Co inicio das obras vaise reinstalar nesa mesma zona, pero nun punto aínda non dado a coñecer. Será, segundo o Concello, "no punto estratéxico que se considere máis axeitado"

O Concello realizou estas aclaracións este venres en resposta a un comunicado de prensa difundido polo PSOE de Marín. O grupo municipal socialista trasladou esta semana na Comisión Informativa de Tráfico a súa negativa a que a pantalla estivese nesta localización á altura da Alameda e da parada de autobús e pediu un cambio de localización e que se apague ata que teña unha nova

Segundo desvelou o PSOE, o goberno local informou a este grupo político que non se solicitou informe previo da Policía Local para a instalación da pantalla e, unha vez instalado, a propia Policía trasladou que a localización escollida "era moi perigosa".

Para o PSOE, a localización actual "é sorprendente" porque ven "moi evidente" que o panel distrae ao condutor xusto nun dos pasos de peóns máis perigosos de Marín. 

Neste comunicado, o PSOE sinalaba que "pola improvisación do goberno municipal", o Concello de Marín deberá volver a gastar os cartos para retirar a pantalla da súa actual localización e instalala nunha nova.