A pandemia da covid-19 mantense en expansión na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que este luns reporta 55 novos positivos e tres pacientes máis hospitalizados.
Segundo o balance oficial, a área sanitaria volve pasar dos 500 casos activos, 510 en concreto. Son 51 máis que o domingo tras confirmar 55 novos positivos e catro altas de pacientes.
Do total de 510 casos activos, 496 son asintomáticos ou con síntomas leves e están en illamento no seu domicilio e 14 están no hospital, tres máis que o día anterior.
En concreto, hai cinco pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un máis que o domingo; e 9 pacientes ingresados en planta de hospitalización, dúas máis nun día. Estes últimos están repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (6) e 3 no Hospital do Salnés (3).
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 14.249 pacientes (4 na última xornada e faleceron por este virus na área sanitaria 181 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 714, que elevan a 251.653 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
A nivel autonómico, o balance oficial deste luns confirma un total de 2.466 casos activos, 181 máis que o domingo. Na última xornada confirmáronse 244 novos positivos.
Tamén aumenta a presión hospitalaria, con 10 pacientes máis nos hospitais galegos que o día anterior, un máis en UCI e 9 en planta. En total, hai 61 hospitalizados, 50 en planta e 11 na unidade de críticos.
Os casos activos soben en todas as áreas sanitarias agás Ferrol, que ten 88 casos activos, o mesmo número que o domingo.
A Coruña e Pontevedra mantense como as de maior incidencia. Na Coruña hai 627 casos activos, máis que o domingo tras confirmarse 46 novos positivos. En Pontevedra son 510, 51 máis que o día anterior tras 55 novos positivos.
En Vigo confírmanse 50 novos positivos que elevan o total de casos a 429, 44 máis que o domingo. En Ourense hai 311 casos, 32 máis, tras 34 novos positivos. En Lugo son 264, 24 máis, tras confirmar 34 novos. En Santiago de Compostela elévanse a 237, 14 máis, despois de confirmar o domingo 23 novos positivos.
Desde o inicio da pandemia faleceron 2.437 persoas en Galicia e realizáronse 2.382.021 probas PCR, 4.479 nas últimas 24 horas.