A organización belga Victoria Deluxe achégase a coñecer o modelo Pontevedra

Pontevedra
10 de outubro 2017

Traballan no proxecto europeo "El arte de construír la esperanza" que promove un Cumio Alternativo Europeo no ano 2018

O alcalde con membros da organización belga Victoria Deluxe Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, mantivo este martes unha reunión cunha representación da organización belga Victoria Deluxe, Nathalie De Vis, Graciela Zaera Moraña e Juan José Zaera Moraña, para falar polo miúdo do modelo Pontevedra.

Entenden que é unha experiencia exitosa de recuperación dos espazos públicos para as persoas, de participación social, que encaixaría no proxecto "El arte de construír la esperanza" no que traballan xunto con outras organizacións co obxectivo de organizar un Cumio Alternativo Europeo no ano 2018.

Graciela Zaera explicou que están na fase de recoller información "sobre proxectos que recuperan a esperanza da xente", sobre iniciativas que amosen "como poden organizarse as cidades a nivel ecolóxico, de participación, como recuperar a credibilidade das institucións públicas, etc". O obxectivo é atopar e descubrir ideas, colaboracións, prácticas concretas e estruturas organizativas que fomenten un orde social diferente, máis xusto.

O modelo Pontevedra chamou a súa atención e por elo pediron unha reunión. Ata agora no Estado mantiveran encontros con organizacións sociais como a rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social, a plataforma de afectados pola hipoteca ou a marea branca da sanidade.

O alcalde Miguel Fernández Lores lembrou que Pontevedra é un exemplo "de boas prácticas que ten que ver con que hai futuro, esperanza, outra forma de ver e facer as cousas".