A crise sanitaria derivada da pandemia do coronavirus provocou un aumento das familias que necesitan axuda para cubrir as necesidades básicas diaria de alimentos.
Ante este incremento da demanda e as restricións de movementos motivados polo estado de alarma, o Banco de Alimentos poñía en marcha hai un mes a primeira Operación Quilo online. Nunca antes a ONG levara a cabo unha recollida de produtos básicos de maneira virtual. A xestión desta campaña na provincia de Pontevedra correu a cargo da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo.
O primeiro mes da a Operación Quilo online tradúcese nunha recadación de máis de 80.000 quilos de comida que permitirán seguir axudando ás persoas máis vulnerables.
Segundo informan desde o Banco de Alimentos "trátase dunha cifra extraordinaria e totalmente excepcional para a entidade". Durante este primeiro mes da campaña baixo o lema #yoayudoalbancobueno, contabilizáronse un total de 2.300 doantes, que adquiriron algunha das cestas solidarias de produtos básicos habilitadas en www.bancoalimentosvigo.org.
Esta campaña contou ademais co apoio de personaxes moi coñecidos do mundo da cultura vinculados a Galicia, que coa súa imaxe lograron unha maior difusión desta campaña. Rostros tan coñecidos como a xornalista Carlota Corredera, os músicos Amaro Ferreiro, o dúo Cómplices ou Xosé Manuel Budiño, a atleta Desirée Vila e o actor Manuel Manquiña, entre outros.
Desde a entidade "só existen palabras de agradecemento dobre, por unha banda, a todas esas caras coñecidas por visibilizar a iniciativa en redes sociais e, polo outro, ás máis anónimas e igual de importantes que co seu respaldo social veñen de lograr un éxito sen precedentes na historia da ONG".
A pesar deste éxito, a campaña non se detén porque día a día crecen as demandas de alimentos e prevese que estas necesidades aumenten ata que non se estabilice a situación económica do país.
O incremento do número de persoas vulnerables fai necesaria a continuación da Operación Quilo online, a través da que se poden comprar cestas solidarias cunha doazón de 10, 20, 30 euros ou coa cantidade que se queira na seguinte ligazón:www.bancoalimentosvigo.org/ok-on-line
A ONG, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante o pasado ano 2019, atendendo a 20.000 persoas desfavorecidas na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa. Ademais da gran nave de Vigo, desde 2014 conta con outro almacén de comida en Pontevedra, na rúa Faustino Santalices.