A oficina de Turismo de Sanxenxo recibe decenas de consultas diarias sobre a seguridade sanitaria deste destino

Sanxenxo
13 de agosto 2020

As medidas implantadas no municipio percíbense como un plus á hora de elixir un destino vacacional

Praia de Silgar coas áreas parceladas Cristina Saiz

A Oficina de Turismo de Sanxenxo está a recibir a diario decenas de chamadas de posibles visitantes que se interesan polas medidas de seguridade que este municipio ten implantadas ante a pandemia da COVID19, tanto en espazos públicos como en establecementos privados. Un número que sinalan, están a incrementarse nas últimas semanas.

O potencial turista pregunta por medidas que afectan a tránsito por Sanxenxo, ás praias, a hoteis e resto de aloxamentos turísticos, etc... Así se lles informa dos controis de aforo nos areais, da vixilancia sobre o uso das máscaras, ou os reforzos en limpeza e desinfección; accións que os interesados "perciben como un plus á hora de elixir un destino vacacional".

"Dinnos que lles dá moita tranquilidade agora mesmo Sanxenxo e o esforzo que se fai por protexer á poboación", indican desde este organismo en referencia aos comentarios que reciben, especialmente de fóra de Galicia.

Pola súa banda o Concello sinala respecto diso que "celebramos que Sanxenxo fose capaz non só de transmitir, senón de levar a cabo as medidas sanitarias que permiten ao municipio posicionarse como destino seguro". Con todo, tamén se fai unha chamada á responsabilidade xa que: "depende de todos, da responsabilidade e do cumprimento da normativa que a situación siga baixo control".