A ocupación hoteleira na provincia baixou en xullo respecto a 2017 situándose nun 74%

Pontevedra
03 de agosto 2018

A presidenta da Deputación Provincial relaciona esta baixada coa inestabilidade meteorolóxica durante o mes de xullo e sinala que o sector agarda un agosto con datos espectaculares de ocupación, debido a calor que se rexistra nas Rías Baixas

Turistas chegando a un hotel da cidade Mónica Patxot

A presidenta da  Deputación, Carmela Silva, móstrase satisfeita cos resultados de ocupación hostaleira obtidos durante o mes de xuño. Os datos que manexa a institución provincial sinalan que a ocupación se situou por encima do 74%, unha cifra que cualificou de positiva pero que resulta inferior ao 84% rexistrador durante o mesmo mes no ano 2017.

Carmela Silva indicaba que a inestabilidade meteorolóxica durante estas semanas provocou esta redución de pernoitas na provincia. En todo caso, apuntou que mentres o descenso do número de pernoitas no Estado foi de -1,2%; nas Rías Baixas situouse nun -0,3%. Sinalou que se rexistrou un incremento da presenza de turistas estranxeiros, situándose nun 17%, e con máis dun 70% de ocupación en establecementos de turismo rural.

A presidenta provincial cre que, á marxe das pernoitas, o número de visitantes foi superior a 2017 e espera que o Instituto Nacional de Estatística ratifique esta impresión cando, dentro dun mes, publique os datos. Por comarcas, O Salnés logrou un 75%; Pontevedra superou o 72,5%; O Morrazo situouse nun 83,6% e Caldas alcanzou un 86,62%. O percorrido do Camiño Portugués a Santiago foi realizado por 10.220 persoas, un 13% máis que en 2017.

O perfil do visitante é o de españois, procedentes sobre todo da comunidade de Madrid e do País Vasco, con idades comprendidas entre os 35 e os 60 anos, que se aloxan nun 50% en hoteis durante un período que se sitúa entre os 7 e os 15 días. O principal motivo para visitar as Rías Baixas atópase na procura de lecer e cultura.

A presidenta da institución provincial considera que os datos son positivos atendendo ao aumento considerable en porcentaxes derivadas do turismo rural e das vivendas turísticas (77%) e cámpings (65,27%). Avanzou que se espera un mes de agosto "espectacular" por parte do sector debido ao bo tempo co que se iniciou este mes e que provoca a chegada dun elevado número de turistas ás Rías Baixas.