A ocupación media dos establecementos hostaleiros da provincia de Pontevedra no mes de agosto foi do 83%, segundo os datos do Observatorio de Turismo Rías Baixas que deu a coñecer este venres a presidenta da Deputación, Carmela Silva, en base a "estatísticas serias e rigorosas" elaboradas por unha empresa contratada para ese efecto.
É o mesmo dato que o obtido no mes de agosto do ano 2019, antes da pandemia.
"Os resultados só poden ser cualificados en Rías Baixas como espectaculares", valorou Carmela Silva. "Tanto que non só converten a Pontevedra provincia no territorio con máis visitantes de toda Galicia senón nunha das zonas 'top' de todo o Estado español no mes de agosto", engadiu.
Carmela Silva destacou a importancia da "boa promoción" deste destino como "destino seguro, sostible e multiexperencial" que se reflicte no feito de que o 95% dos visitantes foron nacionais cunha media de idade entre 35 e 60 anos que permanecen na provincia entre 7 e 15 días manifestando un interese prioritario polo lecer (41%) e pola cultura (34%). "Hai que escapar do monocultivo turístico", sinalou a mandataria provincial.
Por comarcas O Morrazo rexistrou en agosto unha media do 85%; O Salnés obtivo media do 88,4%; o Baixo Miño, un 87,5%; a comarca de Vigo tivo unha ocupación do 87%; a de Pontevedra logrou un 85%; a comarca de Caldas un 81,4%; Deza-Tabeirós-Terra de Montes conseguiu un 74% e finalmente o Condado-A Paradanta un 73%.
Por concellos Baiona lidera a ocupación en agosto cunha media do 90%, seguida de Sanxenxo cun 89% e de Vigo tamén cun 89% (con picos do 100% en Ou Marisquiño, San Roque e nas fins de semana), O Grove co 87,2% e Pontevedra cidade cun 82,2%.
Mención aparte fixo a presidenta da Deputación aos datos "impresionantes" logrados polo turismo rural cunha ocupación media do 90,7% e as vivendas turísticas da provincia un 99%. Os cámpings rexistraron un 70% de ocupación. Tamén o Castelo de Soutomaior obtivo "o mellor dato da súa historia" con 8.008 visitantes que pasaron por despacho de billetes, sen contabilizar a aqueles que unicamente percorren o xardín.
A previsión "prudente" de ocupación hostaleira para este mes de setembro que espera o Observatorio de Turismo Rías Baixas é dun 43%, para o turismo rural a estimación é dun 36%, cámpings 28% e vivendas turísticas dun 60%.