O espazo que a Xunta de Galicia lle cedeu á Universidade de Vigo no seu edificio administrativo de Benito Corbal estará operativo e a pleno rendemento "ben pronto", segundo garantiu o reitor Manuel Reigosa, que presidiu a primeira xuntanza do consello do campus deste novo curso.
A institución académica disporá neste inmoble de tres plantas que, xunto a outros usos, servirán como sede inicial da nova Facultade de Deseño, á que se adscribirán tanto o futuro grao como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda.
Tamén está integrado nela o "Post-Growth Innovation Lab", o grupo de investigación impulsado por Mario Pansera, que xa comezou a traballar neste inmoble.
As instalacións "están xa completadas nas tres plantas", explicou Reigosa, que engadiu que "esperamos que o resto poidan funcionar en breve". No referido ao seu equipamento, asegurou que "está completada unha parte e hai outra que aínda está en concurso de mobiliario".
O reitor abordou tamén nesta sesión o proxecto de construción dun novo edificio nos terreos da antiga Tafisa, que está previsto que sirvan como sede das novas facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública.
Reigosa sinalou que tense producido "algún pequeno avance" no relativo á cesión destes terreos por parte do Concello, para a que será preciso un convenio que será presentado en breve.
"Estou moi agradecido ao Concello de Pontevedra pola cesión duns espazos que son importantísimos, tanto para as titulacións que agora se poñen en marcha como para as que poidamos traer no novo mapa de titulacións·, salientou o responsable académico.
A parcela ten "moítisimos metros construíbles" e, polo tanto, "vainos permitir programar o futuro do campus a 30 anos vista", segundo subliñou o reitor da universidade.
Para este espazo, está prevista unha construción modular, que permita, en primeiro termo, crear as instalacións que precisaría Deseño e poder incorporar "outro módulo máis ou menos semellante desde o punto de vista estético e organizativo" se fose preciso nun futuro pola posta en marcha dunha nova titulación no campus.
Máis aló destas cuestións, Reigosa referiuse tamén ás cifras de matrícula coas que arrancaron o curso as diferentes titulacións e incidiu en que, pese a que os datos finais chegarán en outubro, "con algún pequeno atranco, creo que podemos estar moi satisfeitos, incluso comparativamente co resto dos campus galegos".
Nese senso, subliñou que os graos do campus "seguen a funcionar moi ben" e apuntou tamén que a modalidade virtual de Dirección e Xestión Pública "cada vez colle máis pulo", ao que se suma que "estamos traballando coa facultade para poder traer estudantado estranxeiro" e facilitar a captación de alumnado, principalmente de Iberoamérica.