A nova rotonda de entrada a Barro pola N-550 xa ten proxecto

Barro
26 de xullo 2024

Unha das actuacións máis demandadas en Barro, a construción dunha rotonda que permita mellorar a seguridade viaria na entrada ao núcleo de San Antoniño, na estrada N-550, está cada vez máis preto de ser unha realidade

Xuntanza do alcalde de Barro co subdelegado do Goberno, Abel Losada Subdelegación del Gobierno

Unha das actuacións máis demandadas en Barro, a construción dunha rotonda que permita mellorar a seguridade viaria na entrada ao núcleo de San Antoniño, na estrada N-550, está cada vez máis preto de ser unha realidade.

Esta rotonda, que conectará a N-550 coa estrada provincial EP-0506, xa ten deseñado o seu proxecto, segundo lle trasladou este venres o subdelegado do Goberno, Abel Losada, ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes.

Losada destacou a calidade dun deseño que vai supor unha importante mellora na seguridade viaria e tamén na fluidez do tráfico nesta intersección, toda vez que a estrada provincial conecta coa estación da Portela e con Curro.

O proxecto deberá sera agora sometido a supervisión polo Ministerio de Transportes e sometido a información pública.

A este respecto, o alcalde de Barro comprometeuse a informar á veciñanza para axilizar o procedemento de información pública.

Ademais, Fernández Abraldes valorou positivamente a inclusión dun ramal que tamén queda previsto dentro desta actuación para facilitar a incorporación a través dun camiño veciñal sen saturar de conexións a futura rotonda.